A Mariña reforza a súa oferta turística fóra do verán co apoio da Deputación de Lugo

A Mancomunidade de Concellos da Mariña contará co apoio da Deputación de Lugo para continuar desenvolvendo iniciativas turísticas durante todo o ano e atraer visitantes máis alá da tempada alta. A presidenta provincial, Carmela López, e a responsable da entidade comarcal, Rocío López, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración orientado a impulsar un modelo turístico sostible, diversificado e de calidade.
O acordo permitirá manter diferentes propostas que buscan dar a coñecer os atractivos naturais, culturais e gastronómicos da comarca e repartir a chegada de visitantes ao longo dos doce meses. Entre elas figura o programa de rutas guiadas "Plans con corazón", que se desenvolve ata o 14 de novembro, así como "Obradoiros con corazón", que celebra a súa terceira edición con nove experiencias artesanais en distintos obradoiros da Mariña ata o 15 de novembro.
O convenio tamén apoia a consolidación da rede de aloxamentos Turismo Slow Norte de Galicia, unha iniciativa que promove estadías e experiencias vinculadas á natureza, ao patrimonio cultural e á gastronomía de proximidade. A estas propostas súmanse accións de promoción para dar maior visibilidade á comarca e incentivar as visitas durante os períodos de menor afluencia turística.
Carmela López destacou a importancia da colaboración entre administracións e entidades locais para aproveitar os recursos propios e manter proxectos que repercutan no conxunto do territorio. A presidenta provincial defendeu o apoio a iniciativas que contribúan a mellorar a oferta turística e a fortalecer a actividade económica da Mariña durante todo o ano.
A Deputación colabora coa Feira do Cabalo de Lourenzá
O respaldo provincial esténdese tamén ás celebracións que manteñen vivas as tradicións locais. Neste sentido, Carmela López entregou este xoves á alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mancomunidade, Rocío López, os agasallos institucionais cos que a Deputación colabora coa VI Feira do Cabalo de Lourenzá, prevista para este domingo.
A achega inclúe, entre outros elementos, 22 figuras de cerámica de Gundivós. Organizada polo Concello de Lourenzá coa colaboración da Asociación de Cabaleiros de Lourenzá, a feira busca promover o cabalo de pura raza galega e reúne actividades relacionadas co mundo equino.
O programa inclúe probas e concursos de andadura serrada e chapeda, compravenda de gando equino e un concurso morfofuncional de poldros.