A Mariña reafirma o seu compromiso coa calidade turística

A entrega de novos diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) reuniu en Foz representantes institucionais e profesionais do sector para poñer en valor o traballo das empresas e servizos que aposten pola mellora continua do turismo na Mariña Lucense. O acto celebrouse no salón de actos do IES mariñán e contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do deputado de Recursos Sostibles e alcalde de Foz, Francisco Cajoto.
Durante a cerimonia, entregáronse diplomas a 13 novos establecementos recoñecidos pola Mancomunidade de Municipios da Mariña, sumándose as 12 novas empresas que acadaron o distintivo neste ano. En total, xa son 42 as entidades da comarca que contan con esta certificación de calidade, entre as que se inclúen albergues, hoteis, apartamentos, restaurantes, guías turísticos, museos e negocios de turismo activo.
Francisco Cajoto destacou que este acto representa "dous logros fundamentais: a aposta pola calidade e a capacidade de traballar unidos para impulsar a nosa comarca". Subliñou que a Mancomunidade está a desenvolver un traballo "excepcional" na promoción turística e asegurou que "desde a Deputación reafirmamos o noso compromiso de seguir colaborando en proxectos que potencien o noso territorio de xeito sostible".
Pola súa parte, Javier Arias resaltou "o compromiso da Mariña coa excelencia turística" e puxo en valor o apoio da Xunta de Galicia ás accións de mellora continua, tanto a través do Plan de Sostibilidade Turística, cunha achega dun millón de euros, como mediante o convenio anual coa Axencia de Turismo de Galicia. Tamén felicitou á Mancomunidade de Municipios polo esforzo en reforzar a imaxe da Mariña "como un destino máis competitivo, sostible e atractivo durante todo o ano".
A entrega dos diplomas reforza o compromiso da Mariña Lucense co turismo de calidade, buscando consolidar a súa posición como un destino que combina riqueza natural, cultural e gastronómica cunha oferta sostible e diferenciada.