A Mariña programa nove obradoiros artesáns no outono para atraer visitantes fóra da tempada alta

A Mariña lucense ofrecerá nove experiencias artesás entre o 24 de outubro e o 15 de novembro co obxectivo de atraer visitantes fóra da tempada alta e dar a coñecer os oficios tradicionais do territorio. A terceira edición de "Obradoiros con corazón" levará actividades participativas a Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Ourol, nas que os asistentes poderán aprender técnicas artesás da man dos propios profesionais.
A programación inclúe propostas tan variadas como a iniciación á cerámica Rakú, a creación de pendentes de madeira, a reparación de pezas coa técnica xaponesa do Kintsugi, a elaboración dunha coroa de Nadal con macramé ou o traballo da la. Tamén haberá obradoiros de torno de oleiro, decoración de cerámica, ensamblaxes de madeira e creación de marcos para fotografías ou espellos.
As actividades teñen un custo de entre 5 e 10 euros e contan con prazas limitadas para garantir unha experiencia próxima e personalizada. A recadación destinarase a accións de promoción da artesanía da Mariña.
Nove propostas en cinco concellos
O programa arrincará este sábado 24 de outubro en Viveiro, ás 16:00 horas, cun curso de iniciación á cerámica Rakú en Regal Cerámica. Ao día seguinte, o domingo 25, Ribadeo acollerá ás 17:00 horas un obradoiro de creación dun servilleteiro de cerámica decorado coa técnica do esgrafiado, impartido por Lucía Barro, de Serendipia.
Mondoñedo concentrará varias das propostas. O 31 de outubro, ás 17:00 horas, Artesanía do Pasatempo ensinará a técnica do Kintsugi para reparar cerámica destacando as súas cicatrices. O 1 de novembro, á mesma hora, Esquina Atlántica combinará o modelado manual da arxila co uso do torno de oleiro.
Viveiro volverá ser escenario dunha actividade o 7 de novembro, ás 11:00 horas, cun obradoiro de Pura Garra para crear pendentes de madeira mediante a transferencia de imaxes. O 8 de novembro, ás 16:00 horas, Raíces Nómadas ensinará en Ribadeo a elaborar unha coroa de Nadal coa técnica do macramé.
A programación continuará en Mondoñedo o 14 de novembro, ás 17:00 horas, cunha proposta de Miratú Artesanía para aprender a fiar la e crear unha peza propia. O día 15 haberá dúas citas: ás 11:00 horas, Madeiraman impartirá en Ourol un obradoiro sobre ensamblaxes en madeira; e ás 16:00 horas, Lucía Catuxo Cerámica ensinará en Trabada a crear un marco de cerámica para fotografías ou espellos.
Unha aposta pola artesanía e o turismo durante todo o ano
O programa está promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. A principal novidade desta edición é a incorporación da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña Lucense á organización, reforzando a colaboración directa cos profesionais do sector.
A iniciativa enmárcase no produto turístico A Mariña Artesá, que busca dar visibilidade aos oficios, ás persoas que os manteñen vivos e aos coñecementos transmitidos entre xeracións. O traslado das actividades ao outono pretende diversificar a oferta de lecer nos meses de menor afluencia e favorecer unha actividade turística máis sostible e repartida ao longo do ano.
A edición de 2025 contou con 100 participantes e unha lista de agarda de 62 persoas, uns datos que apuntan ao interese por este tipo de experiencias creativas e participativas.