A Mariña pecha un verán turístico á alza e busca atraer visitantes durante máis meses do ano

AMariñaXa
Unha mesa redonda organizada pola FCAM en Foz analizou o balance da tempada e incidiu na desestacionalización, na conexión entre costa e interior e na necesidade de mellorar infraestruturas e servizos
_mesa-redonda-FCAM-2026
24 Sep 2026

O turismo na Mariña mantén unha tendencia ascendente tras un verán cun balance positivo para negocios, asociacións comerciais, entidades e administracións. Así se puxo de manifesto na mesa redonda organizada pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM) en Foz, que reuniu representantes dos sectores turístico, empresarial e institucional para analizar a evolución da actividade na comarca.

Os participantes coincidiron en que a tempada estival tende a prolongarse cada vez máis. A climatoloxía da Mariña, con temperaturas máis suaves que noutras zonas da Península, consolídase como un dos atractivos para visitantes procedentes especialmente do centro e do sur de España, que atopan na comarca un destino para escapar das altas temperaturas.

Xunto ao turismo nacional, durante o encontro destacouse o incremento da presenza de visitantes estranxeiros. Aínda que este perfil xa se deixa notar durante xullo e agosto, setembro está a adquirir un peso especial. Este verán chegaron á comarca turistas de Madrid, Castela e León, Asturias, Cataluña ou Andalucía, mentres que entre os internacionais se rexistraron visitantes procedentes de Francia, Reino Unido, Alemaña, Estados Unidos e Bélxica. Nos cámpings tamén se constatou unha presenza significativa de persoas chegadas dos países nórdicos.

A ocupación hoteleira acadou niveis especialmente elevados durante agosto. A esta situación contribuíu tamén o eclipse solar do 12 de agosto, que levou numerosos establecementos a completar as súas prazas ante a chegada de visitantes interesados en contemplar o fenómeno desde esta zona.

Os participantes describiron 2026 como un verán moi favorable para o sector, sen incidencias destacables e coa chegada de milleiros de persoas aos diferentes concellos da Mariña. Na mesa apuntouse, ademais, que o turismo continuará gañando peso nas próximas décadas, cunha previsión de crecemento para os vindeiros 25 ou 30 anos.

Un dos grandes retos abordados foi a desestacionalización. Os representantes reunidos en Foz defenderon a necesidade de conseguir que os visitantes non se concentren unicamente nos meses centrais do verán, aproveitando os recursos naturais, patrimoniais, culturais e gastronómicos da comarca durante o resto do ano.

A esta cuestión sumouse a conveniencia de redistribuír os fluxos turísticos entre o litoral e o interior, dando maior visibilidade aos municipios afastados da costa. Segundo se expuxo durante o encontro, todos os concellos dispoñen de recursos capaces de atraer visitantes e de complementar a oferta dos destinos tradicionalmente máis turísticos.

Outro fenómeno que está a gañar presenza é o das persoas procedentes doutros puntos de España que deciden instalarse na Mariña. Algunhas fano grazas ás posibilidades do teletraballo, mentres que outras optan por iniciar na comarca un novo proxecto persoal ou profesional, tanto nos concellos costeiros como nos do interior.

A mesa redonda serviu igualmente para poñer sobre a mesa algunhas das carencias que condicionan o desenvolvemento turístico. Entre as demandas figuraron a mellora das estradas e das comunicacións por transporte público, cunha maior calidade dos servizos ferroviarios e de autobús. Tamén se reclamou reforzar o persoal dos centros de saúde durante os meses de verán, coincidindo co importante aumento da poboación que experimentan os municipios da comarca.

No encontro participaron Moncho García, propietario de Atalaia Camper Park; Emma Álvarez, directora financeira de Grupo Llano Ponte; Tania Hermida, xerente de Turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña; José Carlos Paleo, presidente de Acia Foz-CCA; Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo do Goberno autonómico en Lugo; Fran Cajoto, alcalde de Foz e deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo; e Carmen Cruzado, presidenta da FCAM.

A Federación de Comercio A Mariña continuará nas próximas semanas coas súas accións de promoción. A seguinte actividade está prevista para mediados de outubro, cando o xornalista e escritor Pepe Ribagorda visitará a comarca para contribuír á difusión do comercio, a hostalería e o patrimonio da Mariña lucense.

0.1569812297821