A Mariña lucense e Ourense alcanza temperaturas récord nun maio marcado pola calor en Galicia

GaliciaXa | AMariñaXa | OurenseXa
Localidades como A Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Ribadeo e Viveiro bateron marcas históricas de temperatura máxima nun mes de maio
temperatura-termometro-calor
26 May 2026

A provincia de Lugo converteuse este luns nun dos puntos máis calorosos de Galicia, cun episodio de temperaturas excepcionalmente altas para esta época do ano que deixou rexistros históricos en varios municipios da comarca da Mariña.

Segundo os datos facilitados por MeteoGalicia, localidades como A Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Ribadeo e Viveiro bateron marcas históricas de temperatura máxima nun mes de maio.

O rexistro máis elevado da xornada produciuse na estación de Santa Cruz do Valadouro, onde os termómetros chegaron aos 34,4 graos arredor das 14.40 horas. Moi preto quedou Lourenzá, con 34,2 graos, unha cifra practicamente idéntica á alcanzada pola cidade de Ourense durante a tarde.

Tamén se rexistraron valores especialmente altos en Vilamor de Mondoñedo, con 33,6 graos, e en Borreiros, no municipio de Viveiro, onde se acadaron os 33,5.

Este episodio de calor deixou temperaturas pouco habituais para finais de maio, especialmente no norte lucense, unha zona onde os valores superiores aos 30 graos non adoitan ser frecuentes nesta época do ano.

No extremo contrario situouse o municipio ourensán de Calvos de Randín, que rexistrou a temperatura mínima de Galicia con 10,9 graos.

En canto á calidade do aire, MeteoGalicia sinalou que os niveis menos favorables da xornada se detectaron en A Coruña, Santiago de Compostela, Ordes, Lalín e Mugardos, con parámetros cualificados como regulares.

0.11905384063721