A Mariña estará presente no Forum Gastronómico da Coruña
A Mariña estará presente no Fórum Gastronómico de Galicia, que se celebrará na Coruña do 7 ao 9 de abril. Deste xeito o xeodestino avanza cara a súa estruturación e consolidación como destino gastronómico de Galicia.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, indicou que “contaremos cunha presenza destacada no maior evento gastronómico profesional do norte de España, o Forum Gastronómico, que se vén celebrando desde o ano 2008 na Coruña. Este punto de encontro imprescindible para os profesionais do sector, contará nesta edición, cunha sólida presenza da gastronomía da Mariña e os diversos axentes que conforman conxuntamente a súa cadea de valor, desde produtores ata hostaleiros”.
Tania Hermida, a xerente do Plan de Sostibilidade Turística, explicou que “entre as asistencias mariñáns estarán Alejandro Balseiro -do restaurante Nito- nunha das sesións de cociña no auditorio principal; Javier Montero e Tita Iglesias formarán parte dunha mesa redonda sobre formatos de negocio; o xurado do Concurso de Pulpeiras contará entre os seus membros coa presencia de Mar Orosa, do restaurante El Oviedo; o restaurante Rías Altas é finalista no Concurso de Empanadas, e a Merluza do Pincho de Celeiro, recibirá o Premio Picadillo na categoría do Mar”.
E engadiu que “nos diversos postos do Foro terán presencia produtos e produtores moi significativos da nosa terra como a Faba de Lourenzá coa Cooperativa Terras da Mariña, o Porco Celta e a Cachena de Celtagal con Nando López, a mel mariñá da man de Javier Carreiras, de O Poder das Flores, ou o tostadeiro de café de especialidade co equipo de Urban Coffee Roasters”.
A gastronomía da Mariña estará representada dun xeito moi especial o martes 9 ás 10:30 horas na mesa redonda dedicada aos colectivos gastronómicos de Galicia moderada por Iñaki Gaztelumendi e na que participará Mar Orosa, como portavoz do Colectivo de Gastronomía da Mariña, en proceso de creación e que xurde no contexto do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística no que desde a Mancomunidade se segue a traballar.