A Mariña consolida o seu modelo turístico sostible tras un ano clave de proxectos e recoñecementos

AMariñaXa
A Mancomunidade pecha 2025 cun balance moi positivo do Plan de Sostibilidade Turística e afronta 2026 con novos retos estratéxicos
Mancomunidade-Marina-2025-reunion-Balance-2
15 Dec 2025

A Mariña Lucense despide un ano especialmente frutífero no eido turístico, no que o traballo desenvolvido ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística (PST) permitiu reforzar a identidade do territorio e avanzar cara a un modelo de destino sostible, singular e recoñecido tanto dentro como fóra de Galicia. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense foi a encargada de impulsar un amplo programa de accións que situou a comarca no foco do sector turístico e lle valeu importantes mostras de interese e recoñecemento institucional.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, destacou que o esforzo realizado ao longo do ano responde a unha estratexia clara orientada a “avanzar na construción dun modelo turístico sostible, que xere valor para quen nos visita, pero tamén para a poboación local, acadando un equilibrio beneficioso para todo o sector”. Segundo explicou, o PST, xunto a outras vías de cofinanciamento como os convenios anuais, converteuse nunha ferramenta clave para impulsar a transformación turística do territorio desde o respecto á identidade propia e poñendo en valor os recursos locais como principal atractivo.

As actuacións levadas a cabo contaron coa colaboración da Secretaría de Estado de Turismo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, un traballo conxunto que permitiu desenvolver proxectos centrados na mellora da competitividade do destino, na promoción exterior e no apoio directo ao sector turístico da Mariña.

No balance do ano, Rocío López salientou o “sentimento de orgullo polo traballo realizado e pola implicación de todas as persoas que o fixeron posible”, asegurando que hoxe A Mariña “brilla aínda máis no panorama turístico”. A presidenta subliñou que a aposta por un turismo xerador de riqueza e calidade de vida é xa unha realidade consolidada, impulsada non só polos investimentos realizados, senón tamén pola demanda e concienciación do propio sector e da cidadanía.

Ao longo de 2025 desenvolvéronse numerosos proxectos de promoción e dinamización. Un dos primeiros grandes fitos do ano foi a presentación da campaña A Mariña Latexa contigo en FITUR, unha proposta que apostou por promover o territorio a través da mirada persoal dos seus veciños e veciñas. A iniciativa foi recibida con entusiasmo por profesionais do sector, touroperadores e prensa especializada, e tivo continuidade cun evento aberto á cidadanía celebrado na propia Mariña, que puxo de manifesto a forte implicación da poboación local no modelo turístico.

Outro paso relevante foi a participación, por primeira vez con stand propio, na Feira Internacional de Turismo de Interior INTUR, en Valladolid. A experiencia permitiu establecer contactos estratéxicos e confirmar o interese do público por produtos como o turismo ornitolóxico, o xeoturismo e o patrimonio cultural, reforzando a aposta por un turismo sostible e de natureza.

O plan de traballo incluíu tamén unha destacada presentación da marca turística da Mariña en Bilbao, un dos principais mercados de proximidade. Gastronomía, paisaxe e poboación local foron os eixes dun encontro dirixido a profesionais do sector, que se completou cunha visita ao Basque Culinary Center para coñecer experiencias de referencia internacional no ámbito gastronómico.

No mes de outubro, A Mariña converteuse en escenario do Foro Turismo e Sostibilidade, un encontro que reuniu expertos nacionais e internacionais para debater sobre os desafíos do sector e o papel do turismo na sociedade actual. Este evento situou á comarca no centro do debate sobre os novos modelos turísticos e reforzou o seu posicionamento como destino comprometido cun turismo de futuro.

O traballo desenvolvido foi recoñecido co Premio Turismo Sostible da Deputación de Lugo polo proxecto Camiño cara á sostibilidade turística na Mariña Lucense, un galardón que puxo en valor a traxectoria e o esforzo colectivo por un modelo integrador e de calidade.

Entre outras iniciativas, a Mancomunidade publicou a Guía do turista responsable, promoveu plans e obradoiros con máis de 300 participantes, acolleu o foro natureWatch en Barreiros e impulsou accións específicas en turismo ornitolóxico e xeoturismo, así como a renovación do compromiso coa calidade de 39 empresas e servizos turísticos a través do SICTED.

A Mariña foi tamén o único destino galego seleccionado para participar no programa MISEA-SEGITTUR, orientado á creación de experiencias agroturísticas sostibles, que comezou a dar os seus primeiros pasos neste mes de decembro.

De cara a 2026, a Mancomunidade afronta novos retos co obxectivo de consolidar os proxectos iniciados e impulsar outros novos, centrados na mellora da sinalización turística, o desenvolvemento de rutas e produtos de natureza e a adhesión a redes de ecoturismo, mantendo como eixo central un modelo turístico sostible e de futuro.

⚙ Configurar cookies
0.08197283744812