A Mariña-COGAMI abre as últimas prazas para unha excursión accesible a Monforte de Lemos

A asociación A Mariña-COGAMI mantén abertas as últimas prazas para participar na excursión que realizará a Monforte de Lemos o martes 29 de setembro, unha proposta que inicialmente estaba dirixida ás persoas socias da entidade e que agora se abre a todas aquelas interesadas en sumarse á actividade.
A saída forma parte do programa "Coñece a Túa Provincia" da Deputación de Lugo e será totalmente gratuíta. A organización disporá dun autobús adaptado e accesible, e a actividade inclúe tanto o transporte como as entradas e a comida.
A xornada combinará patrimonio, cultura e convivencia cun percorrido por diferentes puntos de interese de Monforte e a súa contorna. Entre as visitas previstas atópanse o Pazo de Tor, o conxunto monumental de San Vicente do Pino e o Centro do Viño da Ribeira Sacra. O programa contempla tamén unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga.
Desde A Mariña-COGAMI destacan que a excursión busca ofrecer unha oportunidade para descubrir o patrimonio da provincia nunha contorna accesible, ao tempo que se favorecen os encontros e a convivencia entre os participantes.
As persoas interesadas deberán reservar a súa praza por WhatsApp antes do 17 de setembro. O número de participantes é limitado e as prazas dispoñibles serán asignadas por rigorosa orde de inscrición.
O lugar e a hora de saída comunicaranse posteriormente ás persoas anotadas.