A Mariña Atletismo: "O club nace cunha filosofía aberta e inclusiva para toda a comarca”

Por Ana Somoza.
Falamos con Marcos Conde, presidente do novo Club A Mariña Atletismo, quen situaba a orixe desta iniciativa nun día moi concreto: a San Silvestre de Ribadeo de 2024. El explicaba que aquela carreira fora “un punto de inflexión inesperado”, e que a idea de crear un club non xurdiu só dos cinco fundadores, senón “de moita outra xente que, de forma espontánea, comentaba esta posibilidade”. Dicía que aquilo non fora unha epifanía illada, senón un murmurio compartido, unha especie de impulso colectivo que lles fixo preguntarse se non sería o momento de dar un paso adiante.
IDENTIDADE
O equipo fundador está composto por cinco amigos que levan anos correndo en todo tipo de probas. Marcos contaba que sempre priorizaron as carreiras da zona, aínda que tamén se desprazaron “por toda Galicia e incluso fóra da comunidade”. Afirmaba que, malia definirse como corredores populares, este mundo non lles resulta alleo. O obxectivo, desde o principio, era moi claro: “Non queremos facer un club máis, queremos un club distinto, diferente”. Engadía que aspiraban a construír unha entidade “ao servizo dos socios e das persoas en xeral, independentemente dos seus obxectivos, ideais ou cor da camiseta coa que compiten”. A idea era crear algo aberto, flexible e inclusivo, “o club de tod@s”.
MOTIVACIÓN
Explicaba tamén que a necesidade do club xurdía da percepción de que “algo distinto se pode facer”. Afirmaba que a experiencia acumulada lles permitía saber, polo menos, “o que NON se debe facer”. Por iso repetía que o club debía adaptarse ás persoas, e non ao contrario. Para o equipo fundador, A Mariña Atletismo representa unha responsabilidade grande e, ao mesmo tempo, un proxecto cargado de ilusión: “É un reto que asumimos con moita, moita ilusión”.
ADESTRAMENTO
O funcionamento interno sostense en plans de adestramento elaborados por profesionais titulados. Segundo Marcos, estarán “supervisados en todo momento por adestradores acreditados”, e deseñados segundo o nivel, os obxectivos e as necesidades de cada persoa. Facía fincapé en que todos os perfís serán técnicos con formación específica. E sobre as disciplinas, explicaba que haberá dúas grandes seccións: atletismo e sendeirismo. Para esta última contan coa colaboración do Grupo de Montaña Pena Tallada, unha entidade de Ribadeo con ampla traxectoria e “que funciona moi ben”, segundo recoñecía. Tamén aseguraba que o club está pensado tanto para xente con experiencia como para persoas que queiran comezar desde cero: “Haberá plans específicos para quen se queira iniciar. Nin o estado de forma nin os obxectivos de cada un serán nunca un limitante”.
RECURSOS
O club iniciará oficialmente a súa actividade na tempada 2026 e atópase agora nunha fase de peche de acordos con entidades privadas e institucións públicas. Marcos avanzaba que están a recibir “unha gran acollida”, pola que se declaran profundamente agradecidos. En materia de recursos, explicaba que xa fixeron “unha inversión importante” en material de adestramento e que seguen traballando para amplialo. Todo ese material, subliñaba, estará dispoñible para os socios cando o necesiten. Sobre as colaboracións, repetía que formarán parte esencial da filosofía do club: “Para nós a colaboración será, ademais de un obxectivo, unha obriga”. A relación con Pena Tallada será especialmente significativa, por ser o primeiro colectivo que apostou por eles e pola súa disposición total “desde o primeiro momento”.
SOCIOS
As inscricións xa están abertas, e aínda non saben cantas persoas se sumarán ao proxecto. Porén, Marcos admitía que perciben “un gran interese” e que xa están a recibir numerosas consultas pedindo información. As vantaxes para os socios serán amplas: ademais das xa anunciadas, están a preparar novas propostas “que serán gratas sorpresas”. Todo o que ofrecen —incluídos os adestramentos— será, polo momento, totalmente gratuíto. En canto ás actividades, traballan nun portafolio vivo e actualizable, que inclúe saídas organizadas para competir, formacións sobre estilo de vida saudable, e tamén obradoiros básicos como primeiros auxilios. A intención é ofrecer contidos útiles, variados e adaptados ao que vaian demandando os membros do club.
ACTIVIDADES
As rutas de sendeirismo realizaranse sempre da man de Pena Tallada, aproveitando a súa experiencia e o seu calendario oficial, dispoñible na súa web. Sobre a participación en competicións oficiais, Marcos explicaba que o club permitirá competir tanto a nivel galego como estatal, grazas á licencia nacional: “Para quen o queira e sempre que o nivel o permita, existirá a posibilidade”. Repetía, non obstante, que nunca será unha obriga: “Competir, ao nivel que sexa, será sempre unha decisión persoal”. Tamén adiantaba que están a traballar nun evento propio para dar a coñecer o club, “algo chulo”, pero que prefiren ir “paso a paso”. Sobre os máis pequenos, insistía en que “son a base de calquera proxecto de futuro” e que recibirán atención prioritaria, sen competir con outros clubs xa existentes. O deporte base será unha das seccións importantes do proxecto, pero require recursos sólidos: “Iremos pouco a pouco”.
VALORES
No eido dos valores, Marcos subliñaba cinco principios fundamentais: “Respecto, Igualdade, Inclusión, Compañeirismo e Esforzo”. Para el, estes conceptos non son un adorno, senón o fío condutor do club. Cando lle preguntamos como imaxina A Mariña Atletismo dentro de cinco anos, responde que lle gustaría “que fose o club que os socios decidan que sexa”. Non queren que a xente se adapte ao club, senón crear “unha organización ao servizo dos socios”, na que sexan eles quen marquen o camiño a seguir.
FUTURO
A quen teña dúbidas sobre unirse, Marcos non busca convencelo. Repite que o importante é que cada persoa dispoña de información suficiente: “Pode escribirnos, chamarnos ou falar con nós en calquera momento, sen compromiso”. O esencial, dixo, é que cada quen coñeza “o que buscamos e o que é e será este club”. A decisión final sempre debe ser persoal, “sen presións e sen artificios”. Engadía que a organización naceu coa intención de axudar e achegar á comunidade todo o que poidan, incluso a persoas que non formen parte do club: “Queremos o mellor para tod@s, e estamos seguros de que non sempre imos ser nós”.
Conde concluía que este proxecto non pretende só fomentar actividade física, senón construír un espazo social no que a xente se sinta acompañada, valorada e libre para practicar deporte ao seu ritmo. A Mariña Atletismo nace cun estilo propio, baseado en abrir portas e sumar, e con esa filosofía espera consolidarse como un referente na comarca.