A Mariña aposta por fortalecer o turismo como fonte de emprego e actividade económica

O Salón de Actos do CENIMA de Foz acolleu este xoves unha mesa sectorial centrada no papel do turismo na economía da Mariña lucense, un encontro no que se puxo de relevo a transformación experimentada pola comarca nas últimas décadas. A xornada, organizada por A Mariña Federación, reuniu a representantes institucionais e profesionais para avaliar a incidencia dos visitantes no comercio, na hostalaría e nos servizos locais.
Durante a súa intervención, Francisco Cajoto destacou a evolución do sector turístico, subliñando que a comarca pasou dun modelo moi estacional, concentrado principalmente nos meses de verán, a outro máis diversificado e con maior capacidade de xerar actividade ao longo do ano. Neste sentido, apuntou que o turismo se converteu nun elemento clave dentro do tecido económico, contribuíndo á creación de emprego e á dinamización de múltiples sectores.
O responsable tamén fixo fincapé na relevancia das actuacións desenvolvidas para reforzar este crecemento, incidindo na mellora das infraestruturas, na posta en valor do patrimonio e na promoción dos produtos locais. Así mesmo, destacou o apoio a iniciativas emprendedoras vinculadas ao turismo, fundamentais para consolidar o desenvolvemento da comarca.
Outro dos aspectos abordados foi a contribución económica destinada a impulsar accións de promoción e consolidación da Mariña como destino turístico. Neste sentido, salientouse a importancia de seguir apostando por estratexias que permitan reforzar a identidade do territorio e atraer visitantes durante todo o ano.
A xornada serviu, en definitiva, para constatar o papel cada vez máis relevante do turismo como motor de crecemento na Mariña lucense.