A Mariña afiánzase como un dos destinos máis solicitados durante o verán
A Mariña lucense afiánzase como un dos destinos máis solicitados durante este verán 2021, así o constataron dende as oficinas de turismo dos diferentes concellos.
Dende a Concellaría de Turismo de Burela fai unha valoración moi positiva do verán no que a ocupación hoteleira nos meses de xullo e agosto roldou o 100% case todos os días. As visitas ao barco museo Reina del Carmen en xullo superaron as cifras anteriores á pandemia e as xeorutas, que seguen en setembro, completaron as prazas ofertadas todos os días. Pola oficina de turismo pasaron 1.703 persoas en xullo e 2.168 en agosto, segundo deu a coñecer Ramiro Fernández, edil de turismo.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, valorou positivamente os datos de ocupación existentes en Barreiros, que rondaron o 95% no mes de agosto e entre o 75-80% no mes de xullo.
Trasladou igualmente o desexo de que en vindeiros anos se consolide o nivel de visitantes, se ben chama a atención sobre a necesidade de adaptar as infraestruturas para a recepción das persoas foráneas e de traballar na posta en valor e no respecto ao territorio e á poboación local, para poder garantir unha convivencia óptima tamén nestes meses.
Así mesmo, dende a Concellaría de Turismo de Ribadeo fan un balance moi positivo do verán 2021 no que as oficinas de turismo da vila e das Catedrais recibiron a máis de 74.000 persoas. Ribadeo colgou o cartel de completo e rexistrou unha ocupación hoteleira do 95 ao 100%.