A Mariña acollerá en maio o festival Bal y Gay 2021

AMariñaXa
A Mariña lucense acollerá o festival Bal y Gay 2021 que comezará no mes de maio co ciclo Schubert no Camiño asociado á Ruta Xacobea
festival cartel
15 Abr 2021

A Mariña lucense acollerá o festival Bal y Gay 2021 que comezará no mes de maio co ciclo Schubert no Camiño asociado á Ruta Xacobea e en colaboración coa Schubertiada de Vilabetrán. Nesta primeira entrega levaranse a cabo tres concertos en tres etapas do Camiño do Norte. A primeira destas citas será o 14 de maio e correrá a cargo da pianista Judith Jáuregui, na Basílica de San Martiño (Foz). Na xornada do día 14 actuarán Cuarteto Cosmos e o violonchelista Fernando Arias na igrexa de Santa María, en Vilanova de Lourenzá. O último concerto será o día 16 na Catedral de Mondoñedo co tenor Christoph Prégardien e o pianista Daniel Heide. 

Música á beira do mar

A edición de verán celebrarase entre os días 18 e 26 de agosto baixo o título Música á beira do mar que inclúe as actuacións de Cuarteto Seikilos (xoves 18 no Pazo do Conde de Fontao de Foz), Cantoría (venres 19 na igrexa de Santiago de Foz), o pianista Javier Perianes (sábado 20 no auditorio Hernán Naval de Ribadeo) e a Orquestra de Cámara do Festival Bal y Gay coa cantaora María Toledo, dirixidos por Jaume Santoja (domingo 21 no auditorio de Mondoñedo).

A programación prevista para a segunda entrega continuará o martes 24 co guitarrista Pablo Sáinz-Villegas, que actuará na Fábrica de Sargadelos de Cervo. A continuación, na xornada do mércores 25, actuará Cuarteto Casals na Basílica de San Martiño de Foz. Para pechar a edición deste ano, a Orquestra Sinfónica de Galicia, acompañados por Dima Slobodeniouk, actuará o xoves 26 na Catedral de Mondoñedo. 

Ademais da programación prevista, o Bal y Gay 2021 presentará dous concertos extraordinarios. O primeiro deles será do quinteto de metal Hercules Brass, que actuarán os días 22 e 23 en Barreiros e Vilanova de Lourenzá respectivamente. O segundo será a agrupación Puro Gerswin que actuará xunto coa cantante Sheila Blanco, o pianista Federico Lechner e o guitarrista Chema Sáiz o luns 22 en Foz. Ademais, tamén se realizarán concertos familiares con Cantoría os días 21 e 22 en San Cibrao, Ribadeo e Riotorto. 

De xeito paralelo aos concertos, a organización do festival ten programados dous ciclos de conferencias: Encontros entre a música e a palabra, con invitados vencellados a música clásica e Descubrindo ás mulleres compositoras. Por último, haberá dous talleres en residencias da terceira idade de Foz e Ribadeo. 

0.18241691589355