A Mancomunidade da Mariña Lucense recibe o Premio de Turismo Sostible da Deputación de Lugo

AMariñaXa
O proxecto “Camiño cara á sostibilidade turística” é distinguido como exemplo dun modelo respectuoso co territorio
Mancomunidade-arquivo-acto-Mondonedo
26 Sep 2025

O modelo de turismo sostible impulsado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense vén de ser distinguido na cuarta edición dos Premios de Turismo outorgados pola Deputación de Lugo. A candidatura titulada Camiño cara á sostibilidade turística na Mariña Lucense. Proxectos que definen unha traxectoria acadou o galardón na categoría de Turismo Sostible, recoñecendo así a traxectoria desenvolvida na comarca a prol dun modelo turístico máis responsable e acorde coa realidade do territorio.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, será a encargada de recoller mañá o premio durante a IV Gala de Premios de Turismo, organizada polo Consello Provincial de Turismo e impulsada pola Deputación lucense. López amosouse moi satisfeita por este recoñecemento, “polo que supón para todo o traballo que vimos desenvolvendo desde hai anos na Mancomunidade”.

A candidatura galardoada pon en valor as iniciativas que buscan fomentar un turismo sostible e integrador, atento á calidade da oferta e respectuoso coa contorna natural e coa poboación local. Entre os proxectos destacados figuran as redes de colaboración tecidas arredor do turismo slow Norte de Galicia, o SICTED e o Colectivo de Gastronomía da Mariña; a creación de produtos turísticos vinculados á ornitoloxía e á xeoloxía; as audioguías ficcionadas; os programas Plans con corazón e Obradoiros con corazón; así como a comunicación impulsada baixo o concepto de sostibilidade, a través de propostas como AMODO e A Mariña Latexa Contigo.

Este galardón supón un novo impulso para a Mancomunidade, que ve recoñecido o esforzo realizado ao longo dos últimos anos por consolidar na Mariña Lucense un modelo turístico baseado na identidade propia, na calidade e no respecto ao territorio.

⚙ Configurar cookies
0.085417985916138