A Mancomunidade da Mariña Lucense organizou unha nova formación para os membros do SICTED

AMariñaXa
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organizou unha nova sesión de formación para os membros do SICTED da Mariña.
Foto charla técnica Mancomunidade marina
18 Abr 2024

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organizou unha nova sesión de formación para os membros do SICTED da Mariña. Os integrantes que comezaron este ano retomaron así a formación iniciada no pasado mes de marzo, mentres que os que comezaron no 2023 iniciaron a súa formación obrigatoria deste novo ciclo.

En total son 45 os oficios que participan neste proxecto para a mellora continua da calidade nos servizos, completando un abano de axentes que non só ocupa a aloxamentos e restaurantes, senón tamén a outros axentes clave no destino como artesáns, guías de turismo, oficinas de turismo, empresas de turismo activo e museos. O encontro tivo por obxecto “impartir a formación obrigatoria para as empresas e favorecer o encontro e conexión entre os axentes participantes, tecendo redes de colaboración e coñecemento do destino e dos seus activos”, explica a presidenta da Mancomunidade, Rocío López.

Xunto coa vicepresidenta déronlles a benvida aos asistentes e agradeceron o seu traballo e a implicación na mellora continuada da calidade. Tamén neste mes estanse abordando as asistencias técnicas coa visita e asesoramento nas propias empresas e a formación obrigatoria terá continuidade no mes de setembro, unha vez pasada a tempada de máxima afluencia.

O SICTED é un sistema de calidade, que a Mancomunidade aborda ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola propia entidade de xestión, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Trátase dun plan que ten por obxecto potenciar o turismo en todas as vertentes da sostibilidade: económicas, socioculturais e medio ambientais, e garantir o desenvolvemento dun modelo sostible con visión a longo prazo.

0.12926077842712