A Mancomunidade da Mariña chama a facer un turismo sostible durante o verán

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense volveu poñer á disposición da cidadanía e das persoas visitantes dous documentos con recomendacións para fomentar un turismo sostible e respectuoso co territorio durante a época estival, cando a comarca rexistra unha maior afluencia de visitantes.
A iniciativa enmárcase nas accións que a entidade desenvolve nos últimos anos para avanzar cara a un modelo turístico que xere beneficios tanto para quen visita A Mariña como para a comunidade local, procurando un equilibrio entre o desenvolvemento da actividade turística e a conservación dos recursos naturais e culturais.
Os dous documentos recuperados son a Guía do turista responsable e o Decálogo de boas prácticas para a conservación da píllara das dunas das praias da Mariña Lucense, publicados o pasado ano e dispoñibles na páxina web da Mancomunidade.
VIAXAR DE FORMA CONSCIENTE
A Guía do turista responsable naceu no marco do proxecto de Estudos de Capacidade de Carga en once espazos de especial fraxilidade da Mariña Lucense, impulsado ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O documento reúne unha serie de recomendacións para coñecer o destino dun xeito máis consciente e sostible, pero tamén pretende invitar ás persoas viaxeiras a reflexionar sobre como os seus hábitos inflúen nos lugares que visitan e nas comunidades que os habitan.
A guía anima a aproveitar os recursos informativos do destino, coñecer a cultura local, apoiar o desenvolvemento económico da comarca, contribuír á conservación do patrimonio, favorecer a protección ambiental e apostar por produtos e servizos sostibles.
CONSERVACIÓN DA PÍLLARA DAS DUNAS
A segunda publicación é un decálogo de boas prácticas orientado á conservación da píllara das dunas, unha especie que conta con áreas prioritarias de protección nas praias de Altar, A Pampillosa e A Rapadoira, nos concellos de Barreiros e Foz, aínda que tamén pode atoparse noutros areais con sistemas dunares.
O documento lembra que as praias constitúen ecosistemas naturais de gran valor e recolle dez recomendacións para minimizar o impacto da presenza humana. Entre elas figuran utilizar sempre os accesos habilitados, respectar a vexetación dunar, seguir as indicacións da sinalización existente, evitar molestias ás aves, non abandonar residuos na area, manter as mascotas controladas nas praias onde estean permitidas, respectar os cercados de protección e comunicar ao 112 a localización de posibles niños de píllara das dunas.
O decálogo tamén anima á cidadanía a contribuír á difusión da mensaxe de conservación destes espazos naturais.
Este documento foi elaborado no marco das accións de conservación desenvolvidas durante o encontro de turismo de observación da natureza natureWatch A Mariña Lucense, celebrado en marzo de 2025 en Barreiros. A súa redacción foi dirixida por María Vidal, da Universidade de Santiago de Compostela, e validada polas persoas participantes no encontro.
Con esta iniciativa, a Mancomunidade pretende reforzar a sensibilización ambiental e promover un modelo turístico compatible coa conservación do patrimonio natural e co desenvolvemento sostible da comarca.