A ludoteca, os obradoiros e a música protagonizarán a II Feira do Mercado Social de Ribadeo

AMariñaXa
Ao longo do todo o día haberá actividades de lecer e animación como obradoiro e ludoteca para os máis pequeniños, circo e música
Feira-Mercado-Social-ribadeo
9 Out 2024

O 12 de outubro celebrarase en Ribadeo a II Feira do Mercado Social de 11 a 20 horas con actividades de lecer e animación e parladoiros divulgativos. Trátase dunha actividade que está cofinanciada pola Rede EuSumo impulsada pola Xunta de Galicia e á que o Concello de Ribadeo está adherida. Tamén se conta para o seu desenvolvemento coa colaboración de REAS Galicia (Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia. A concelleira de Comercio, Marta Saiz, indicou que “o obxectivo deste mercado social é achegar ao público outro modelo de economía centrado nas persoas, isto é actividades económicas privadas que operan no mercado tendo en conta ademais do interese económico outros fins como o medioambiental ou o social”.

A feira estará aberta ao público de once da mañá a oito da tarde e contará coa presenza de entidades de economía social que se achegarán cos seus produtos, servizos e proxectos amosando as súas iniciativas ao público. Ademais, ao longo do todo o día haberá actividades de lecer e animación como obradoiro e ludoteca para os máis pequeniños, circo e música. Tamén se desenvolverán charlas de divulgación e información sobre economía social e solidaria, favorecendo o coñecemento mutuo dos participantes e abordando temas como o emprendemento a través dos montes e a economía circular.

A charla Montes que inspiran dará a coñecer diferentes modelos de xestión sostible dos montes que existen en Galicia. Á tarde poñerase o foco na intercooperación e o autobastecemento enerxético das comunidades de montes a través da charla Alumeámonos. A concelleira de Comercio subliñou que “co mercado social queremos pór en valor a capacidade de transformación social que ten a economía social visibilizando proxectos e iniciativas en sectores específicos como enerxías renovables, alimentación sostible, industrias culturais, produtos locais etc.. ademais de dar a coñecer novas vías de emprendemento”. No acto de presentación participaron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, e Chus Caracas, técnica de REAS.

0.27101993560791