A IV Marcha BTT Augas Santas percorrerá as paisaxes de Barreiros o 15 de novembro

A Asociación Deportiva Augas Santas de Barreiros organiza a cuarta edición da súa Marcha BTT, unha cita que se consolida como referente para os amantes do ciclismo de montaña na Mariña. A proba desenvolverase o sábado 15 de novembro de 2025, cunha saída prevista ás 9.30 horas desde a pista de pádel de San Miguel de Reinante, lugar que tamén acollerá a chegada.
Trátase dunha marcha cicloturista non federada e non competitiva, aberta a todas as persoas que gocen da bicicleta e da natureza. O itinerario discorrerá por algúns dos puntos máis fermosos do municipio, entre eles os miradoiros de Penabor e Comado, as inmediacións de San Estevo do Ermo coa súa capela e o xacemento arqueolóxico da Roda.
Segundo explica a organización, o 90% do percorrido realizarase por pistas forestais e camiños ben sinalizados, aínda que tamén incluirá treitos técnicos e algún tramo con firme irregular. “Buscamos unha ruta variada, con tramos suaves e outros máis esixentes, que permita desfrutar da paisaxe e do exercicio físico sen espírito competitivo”, apuntan desde Augas Santas.
O tráfico permanecerá aberto ao paso de vehículos, polo que se lembrará aos participantes a obriga de respectar as normas de circulación nos cruces de estrada. Para garantir a seguridade, o traxecto estará sinalizado con cintas, carteis e pintura biodegradable, e contará coa presenza de voluntarios nos puntos máis delicados.