A III Carreira de Andadura reuniu en Cervo a numerosos participantes e afeccionados ao mundo ecuestre

A pista ecuestre da Bidueira, no municipio de Cervo, acolleu este sábado a III Carreira de Andadura, unha cita que congregou a numerosos participantes e afeccionados ao mundo do cabalo nunha xornada marcada polo deporte e a convivencia.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Adrián Arias asistiron á competición e encargáronse da entrega de premios ás persoas gañadoras. Durante o acto felicitaron aos participantes polo esforzo realizado e polo nivel amosado ao longo das diferentes probas.
Desde o Concello agradeceron o traballo desenvolvido pola Asociación Cabaleiros da Bidueira na organización do evento, así como a colaboración de todas as persoas que contribuíron ao seu desenvolvemento, entre elas voluntariado, participantes e público asistente.
O Goberno local destacou o éxito desta terceira edición e confiou en que a carreira continúe consolidándose como unha cita de referencia para os afeccionados ao mundo ecuestre, combinando competición, convivencia e promoción desta disciplina deportiva.