A II Carreira pola Vía Verde unirá San Tirso, Trabada e A Pontenova o 7 de xuño

O vindeiro sábado 7 de xuño, a partir das 17:30 horas, celebrarase a segunda edición da Carreira Vía Verde Ferrocarril, unha cita deportiva que volverá unir os concellos de San Tirso de Abres, Trabada e A Pontenova nun percorrido de aproximadamente 12 quilómetros.
A saída terá lugar no centro urbano de San Tirso de Abres e a meta estará situada na emblemática Praza dos Fornos da Pontenova. Ao longo do trazado, as persoas participantes correrán por un itinerario que segue a antiga vía do ferrocarril, hoxe transformada nun atractivo sendeiro natural que une deporte, paisaxe e patrimonio industrial.
A proba está organizada polos concellos implicados —San Tirso, Trabada e A Pontenova— xunto coa Asociación Cultural e Deportiva As Minas, da Pontenova, e repartirá trofeos para os tres primeiros clasificados absolutos en categoría masculina e feminina, ademais de medallas para os tres primeiros de cada categoría.
A organización aposta por consolidar esta carreira como un evento de referencia no calendario deportivo da comarca, poñendo en valor non só o esforzo dos atletas, senón tamén o potencial turístico e paisaxístico da zona da antiga vía férrea.