A I Xincana de Orientación Vila de Ribadeo celebrarase o 19 de outubro
Ribadeo acollerá o 19 de outubro a I Xincana de Orientación Vila de Ribadeo, organizada polo Concello e Xesta Natureza. Este evento está deseñado para que os participantes disfruten dunha tarde de deporte e natureza, seguindo un mapa para localizar varios puntos establecidos.
Francisco José Silvent, concelleiro de Deportes, explicou que “os participantes deberán percorrer unha serie de puntos en orde determinada, elixindo a súa ruta entre un punto e outro segundo a información que lles proporcione o mapa”. O evento será por equipos e combinará a orientación con diferentes probas especiais, cun tempo máximo de dous horas e media para completar o percorrido.
A inscrición, que é gratuíta, poderá facerse a través da web. Haberá catro categorías para participar: Xestiñas, Xestas, Xesteiras e Chorima. A xincana está aberta a todo o público, desde familias con nenos ata persoas con máis experiencia. Ademais, haberá percorridos adaptados para persoas con mobilidade reducida.
Silvent animou á cidadanía a participar na actividade, que comezará ás 17.00 horas na Casa do Concello. Ao finalizar, os participantes poderán gozar de avituallamento sólido e líquido. “Será unha maneira divertida de pasar unha tarde en contacto coa natureza e facendo deporte”, subliñou o edil ribadense.