A Gladiator Kids volve a Ribadeo cun fin solidario

A Gladiator Kids regresa a Ribadeo o vindeiro 9 de novembro cunha nova edición chea de deporte, diversión e solidariedade. A popular carreira de obstáculos infantil, que se desenvolverá a partir das 12:00 horas, destinará o importe íntegro das inscricións á Cruz Vermella de Ribadeo, a través do proxecto Mediolanum Aproxima, patrocinado por Banco Mediolanum e a súa Fundación.
A proba está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos, que deberán participar acompañados dun adulto. O percorrido contará con dúas distancias adaptadas ás idades: unha de 500 metros para os máis pequenos, de 3 a 5 anos, e outra de 900 metros para os participantes de 6 a 11 anos. Ao remate da carreira, todos recibirán unha medalla finisher como recordo da súa participación.
O prezo da inscrición é de 6 euros e pode realizarse desde o 25 de outubro a través da web oficial da carreira (www.gladiatorraceoficial.es
). Ademais, a Fundación Mediolanum comprométese a duplicar as doazóns que se consigan entre 2.000 e 5.000 euros, co obxectivo de aumentar o impacto solidario da iniciativa.
Desde o Concello de Ribadeo destacan que esta actividade é unha excelente oportunidade para que as familias compartan unha xornada de deporte ao aire libre, con valores como o compañeirismo, o esforzo e a solidariedade. O evento, sinalan, contribúe tamén a apoiar o importante labor que desenvolve a Cruz Vermella na localidade.
A Gladiator Kids converterase, así, nunha festa do deporte e da solidariedade que encherá de vida e sorrisos as rúas de Ribadeo.