A Garda Real protagonizará en Ribadeo un acto solemne de izado de bandeiras e desfile polo casco histórico

Ribadeo acollerá o vindeiro xoves, 7 de maio, unha xornada singular coa presenza da Garda Real, que será a encargada de protagonizar un acto oficial de izado de bandeiras no espazo habilitado xunto á Casa do Concello. A iniciativa enmárcase dentro das actividades que o corpo está a desenvolver na provincia de Lugo e permitirá achegar á cidadanía cerimonias pouco habituais na vida diaria dos municipios.
O alcalde, Dani Vega, destacou a relevancia desta visita e agradeceu tanto á Casa Real como á Garda Real a súa disposición para levar este tipo de actos solemnes a distintas localidades. Segundo indicou, trátase dunha oportunidade para que a poboación coñeza de preto este tipo de cerimoniais e valore o seu significado institucional.
A programación comezará ás cinco da tarde no porto deportivo, onde o grupo de mergullo da Garda Real realizará diferentes demostracións. Posteriormente, os efectivos desprazaranse ata a Praza de España nun desfile que percorrerá varias rúas do casco histórico, ofrecendo ao público unha imaxe pouco habitual na vila. Xa na contorna da praza desenvolveranse novas exhibicións e formacións.
Un dos momentos centrais da xornada será o izado oficial das bandeiras, que servirá ademais para inaugurar un novo espazo institucional destinado a albergar as insignias de España, Galicia e da Unión Europea, ás que se sumará proximamente a bandeira local. Esta iniciativa permitirá retirar as bandeiras do balcón da Casa do Concello e dotar a vila dun lugar específico para este fin.
Desde o goberno municipal subliñan a importancia deste tipo de eventos, que contribúen a dinamizar a vida cultural e social do municipio. O rexedor convidou tanto á veciñanza como ás persoas que visiten Ribadeo nesas datas a participar nas actividades e a asistir ao acto de izado, que definiu como unha ocasión especial para a vila.