A Garda Real achega á cidadanía o seu labor cun programa de actividades en Foz

A Compañía Mar Océano da Garda Real estará presente en Foz a partir deste mércores, 6 de maio, dentro dos exercicios institucionais que a unidade está a desenvolver pola provincia de Lugo. Durante tres xornadas, o programa combinará actividades abertas ao público co obxectivo de dar a coñecer o traballo que realiza este corpo militar.
Un dos principais puntos de encontro será a Praza Conde de Fontao, onde se instalará unha exposición de material e armamento militar. A mostra poderá visitarse o mércores en horario de mañá, entre as 10.30 e as 13.30 horas, mentres que o xoves e o venres abrirá polas tardes, de 17.30 a 20.30 horas. Na mesma localización, o mércores pola mañá habilitarase tamén unha pista de obstáculos infantil, pensada para o entretemento dos máis pequenos.
Xa pola tarde do mércores, ás 20.00 horas, a actividade trasladarase ao Paseo de Colón, na zona da praia da Rapadoira, onde terá lugar unha exhibición de movementos floreados e o tradicional arriado de bandeiras, nun dos actos máis vistosos do programa.
O xoves 7 de maio, a Compañía Mar Océano participará nunha marcha colaborativa ata a praia das Catedrais, á que poderá sumarse a cidadanía que o desexe. A saída está prevista para as 10.30 horas desde a Praza do Concello de Foz, e o regreso realizarase en autobús.
Por último, o venres 8 de maio, a Garda Real ofrecerá charlas divulgativas sobre o seu labor. Estas sesións estarán dirixidas inicialmente aos centros educativos de Foz, aínda que tamén haberá unha sesión aberta ao público en xeral ás 19.00 horas no CENIMA, situado no Paseo da Ribeira. A iniciativa busca achegar á veciñanza o funcionamento e as funcións deste corpo a través dun contacto directo e divulgativo.