A Fundación Artesanía de Galicia achega os oficios tradicionais ao alumnado da Pontenova

AMariñaXa
Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín protagonizan unha nova sesión do programa “Artesanía na Escola”, que busca poñer en valor o patrimonio artesanal galego
Elena-Ferro-artesania-Pontenova-ensinanza-nenos-2026
7 May 2026

A Fundación Artesanía de Galicia continúa a desenvolver as actividades divulgativas do proxecto “Artesanía na Escola”, unha iniciativa promovida pola Xunta co obxectivo de achegar os oficios tradicionais ao alumnado dos centros educativos de toda Galicia. Nesta ocasión, o CEIP da Pontenova acolleu a visita da zoqueira Elena Ferro e do artesán especializado en percusión tradicional Xosé Manuel Sanín, protagonistas de dúas das primeiras unidades didácticas do programa.

Durante a xornada, Elena Ferro compartiu co alumnado o seu labor como artesá na elaboración de zocos, un calzado tradicional galego que conseguiu modernizar a través de novas propostas de deseño, materiais e cores. A súa traxectoria está ligada ao obradoiro familiar Eferro, situado en Merza (Vila de Cruces), con máis dun século de historia, e recoñecido en 2019 co Premio Nacional de Artesanía. Ferro explicou aos nenos e nenas o proceso de creación destes zocos e destacou a súa importancia histórica no medio rural, ao tempo que amosou como este produto conseguiu adaptarse ás tendencias actuais e ás novas xeracións.

Pola súa banda, Xosé Manuel Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional de Santiago de Compostela, centrou a súa intervención na elaboración da pandeireta, un dos instrumentos máis representativos da cultura musical galega. Sanín detallou os materiais empregados, as técnicas de fabricación e o papel fundamental deste instrumento no patrimonio inmaterial de Galicia, achegando ao alumnado unha visión práctica e divulgativa do oficio.

“Artesanía na Escola”, en marcha desde 2023, busca non só dar a coñecer os oficios artesanais como parte esencial da cultura galega, senón tamén poñer en valor o traballo manual, a creatividade e o coñecemento dos profesionais do sector. O programa tamén promove valores como o consumo responsable, a produción local e sustentable e a economía circular, ao tempo que pretende fomentar a continuidade xeracional nos oficios tradicionais.

A terceira unidade didáctica do proxecto leva por título “Eu son artesán de figuras de pan” e está centrada nos tradicionais sanandresiños de Santo André de Teixido, uns amuletos elaborados con miga de pan. Nesta actividade, o artesán Jorge Bellón, de Cedeira, é o encargado de amosar ao alumnado o proceso de creación destas pezas, moldeadas con fariña e pintadas a man, que forman parte da tradición popular galega.

0.12432980537415