A frota de Burela leva a Bruxelas a evidencia científica para reclamar a fin das vedas ao palangre "pedra-bola"

GaliciaXa | AMariñaXa
O estudo ISPAMER conclúe tras analizar 6,36 millóns de anzois que o impacto desta arte sobre os fondos mariños é mínimo, mentres as restricións reduciron un 36,5 % a facturación media da frota
Villaverde-Presentación-ISPAMER-pesca-Burela-2026)
9 Sep 2026

A frota palangreira de Burela levou este mércores ao Parlamento Europeo os datos científicos cos que pretende lograr unha modificación das restricións que afectan aos seus caladoiros tradicionais. CEPESCA, Europêche e OPP Burela reclamaron unha revisión urxente do Regulamento de Execución (UE) 2022/1614 para que o palangre "pedra-bola", empregado na captura da coñecida pescada do pincho, quede excluído das 87 zonas vedadas.

O principal argumento procede do proxecto ISPAMER 2023-2025, dirixido polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC). Tras tres anos de investigación, o estudo conclúe que esta modalidade ten un comportamento semipeláxico e que o seu impacto sobre os ecosistemas mariños vulnerables presentes nos fondos é practicamente imperceptible.

A investigación seguiu a actividade de sete buques da frota de Burela durante 55 mareas e 770 días de pesca, con 1.493 operacións observadas por científicos a bordo e mediante sistemas electrónicos. En máis de 6,36 millóns de anzois contabilizáronse unicamente dez encontros con especies indicadoras de ecosistemas mariños vulnerables.

O científico do IEO-CSIC Pablo Abaunza incidiu tamén no reducido contacto das pedras co leito mariño. Mesmo considerando o suposto teórico de que todos os pesos dun aparello de ata 30 quilómetros tocaran o fondo, a superficie máxima de contacto sería de 1,87 metros cadrados por xornada.

UNHA PESQUEIRA SELECTIVA

ISPAMER tamén constatou a elevada selectividade desta modalidade. A pescada supón o 90,9 % das capturas retidas, mentres a taxa de descarte queda nun 0,7 %, principalmente por exemplares depredados por outras especies.

Os resultados foron presentados nun encontro que reuniu ao sector, científicos, administracións e representantes das institucións europeas. A xornada estivo presidida pola presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Carmen Crespo, e contou coa participación da secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime; a conselleira do Mar, Marta Villaverde; e os eurodeputados Francisco José Millán Mon, Nicolás González Casares, Oihane Agirregoitia, Nora Junco García e Ana Miranda.

Crespo defendeu acelerar a revisión das 87 zonas vedadas e destacou a necesidade de que as decisións se sustenten na evidencia científica dispoñible.

O secretario xeral de CEPESCA e presidente de Europêche, Javier Garat, sostivo que "a ciencia demostra que non ten sentido aplicar a este palangre as mesmas restricións que a artes con comportamentos e impactos completamente diferentes". Garat reclamou á Comisión Europea que cumpra o compromiso de modificar a normativa cando exista evidencia que xustifique o cambio.

PERDAS DE MÁIS DE MEDIO MILLÓN POR BARCO

Á reivindicación ambiental e científica súmase o impacto económico. Segundo os datos presentados polo sector, desde a aplicación das vedas as capturas de pescada reducíronse un 34 % e a facturación media caeu un 36,5 %. A comparación dos resultados de 2025 coa media de 2020 e 2021 tradúcese nunha perda anual de 563.185 euros por embarcación.

O director xerente de OPP Burela, Sergio López, advertiu de que "con estes niveis de perda, a continuidade da frota non é viable". As restricións, segundo explicou a organización, obrigaron tamén a realizar maiores desprazamentos e mareas máis longas, aumentando o consumo de combustible e empeorando as condicións laborais das tripulacións.

OPP Burela lembra que a pesca representa arredor do 25 % do PIB de Burela e sostén directa ou indirectamente unhas 1.600 familias.

CEPESCA, Europêche e OPP Burela reclamaron finalmente á Comisión Europea que recoñeza o palangre semipeláxico como unha categoría diferenciada e aprobe unha exención específica que permita á frota recuperar os seus caladoiros históricos sen rebaixar a protección dos ecosistemas mariños vulnerables.

0.152015209198