A foodtruck 'Galicia Sabe Amar' fará parada en Celeiro

AMariñaXa
Dentro do programa de actividades para as XXVIII Xornadas de Difusión do Sector Pesqueiro
recurso-confraria-celeiro
17 Nov 2024

Dentro do programa de actividades paralelas previstas para a XXVIII edición das Xornadas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro, o vindeiro sábado 23 de novembro, día de clausura, os asistentes poderán gozar dunha experiencia culinaria única de forma totalmente de balde. Nas inmediacións do edificio social da Confraría de Pescadores de Celeiro estará presente a foodtruck “Galicia Sabe Amar”, unha iniciativa da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, deseñada para promocionar o consumo dos produtos do mar galego.

Este atractivo formato, que xa percorreu distintos puntos de Galicia, ofrece unha combinación perfecta entre sabor, tradición e sustentabilidade. A través de degustacións e actividades relacionadas, o programa busca destacar a calidade dos produtos do mar galego, poñendo en valor tanto a súa excelencia gastronómica como o traballo das comunidades pesqueiras.

A foodtruck estará operativa durante a xornada do sábado, ofrecendo aos visitantes, de forma gratuíta, a oportunidade de degustar preparacións feitas con peixe e marisco fresco de Galicia, acompañadas de información sobre as vantaxes nutricionais e culturais de consumir produtos locais.

A iniciativa forma parte da campaña 'Galicia Sabe Amar', que promove unha alimentación responsable baseada na riqueza dos recursos mariños da nosa costa. Desde a organización das xornadas de pesca de Celeiro, e a Consellería do Mar, animan a todos os asistentes do municipio de Viveiro a achegarse a este espazo para gozar dun peche con moito sabor.

 

0.089423894882202