A Foliada de Cervo cumpre dez anos cun programa cheo de música, tradición e participación veciñal

Cervo prepárase para vivir unha edición moi especial da súa Foliada, que neste 2026 acada o seu décimo aniversario consolidada como unha das celebracións máis singulares da Mariña. As asociacións Fol do Raxal e Fervenza de Sargadelos, en colaboración con Marmeladas A Morena, foron as encargadas de presentar un programa que combina música tradicional, actividades participativas e propostas culturais para todos os públicos.
A xornada desenvolverase o sábado 2 de maio na Praza do Souto, epicentro dunha festa que cada ano reúne a centos de persoas arredor da cultura popular galega. A organización destaca que este aniversario “é unha oportunidade para poñer en valor o traballo feito durante estes anos e seguir fortalecendo unha cita que xa forma parte do calendario festivo da comarca”.
O programa arrancará pola mañá cunha proposta para achegarse ao entorno natural do municipio. Así, ás 10:30 horas está prevista unha ruta interpretativa centrada na flora das marxes do río Xunco, unha actividade que permitirá coñecer de preto a riqueza ambiental da zona. De maneira paralela, tamén haberá obradoiros dirixidos ao público interesado en afondar na música e no baile tradicional, como o de percusión miúda impartido por Ramón Dopico ou o de baile foliadeiro a cargo de Xabi Iglesias. As persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición ata o 25 de abril.
Xa ao mediodía, a música trasladarase ás rúas coa celebración do tradicional pasabares, que percorrerá distintos establecementos hostaleiros como A Pousada, O Almacén ou O Caseto de Copa, mantendo viva unha das tradicións máis festivas da xornada. Ás 14:00 horas dará comezo a sesión vermú, que estará amenizada polo grupo Mediarea, encargado de poñer ritmo a un dos momentos máis concorridos do día.
A programación continuará pola tarde cunha combinación de actividades pensadas para todos os públicos. A partir das 16:30 horas haberá xogos tradicionais e animación musical, nun espazo pensado especialmente para a participación familiar. Xa ás 18:30 horas chegará un dos momentos máis esperados: a gran foliada, na que músicos e asistentes compartirán escenario nun ambiente aberto e participativo.
A música continuará pola noite co concerto de Os Viqueiras, previsto para as 22:00 horas, que servirá como broche a unha xornada intensa. Tras a actuación, a festa seguirá coa celebración dunha queimada e unha foliada libre, mantendo o espírito festivo ata ben entrada a madrugada.
Como novidade destacada nesta edición, a organización recupera o tradicional baile do farolillo, unha práctica habitual nos antigos salóns de baile da Mariña. Nesta actividade, as parellas bailarán un valse iluminadas unicamente pola luz dun farol de papel, co reto de mantelo aceso o maior tempo posible. A iniciativa busca rescatar unha tradición practicamente desaparecida e achegala ás novas xeracións.
Outro dos atractivos da xornada será a feira de artesanía, que contará con diversos postos de produtos feitos a man e propostas de alimentación, contribuíndo a dinamizar o espazo e ofrecer alternativas de lecer durante todo o día. Ademais, non faltarán sorteos, servizo de comida e bebida e múltiples actividades complementarias.
Desde a organización subliñan que o obxectivo da Foliada segue sendo “crear un espazo de encontro arredor da cultura galega, fomentando a participación e a convivencia”. Neste sentido, destacan o papel do voluntariado e das entidades colaboradoras, así como o apoio institucional que permite dar continuidade a esta celebración.
Finalmente, cómpre salientar que o cartel desta décima edición é obra do artista Diego Cereijo, quen conseguiu plasmar a esencia da festa a través dunha imaxe dinámica e chea de simbolismo, acorde co espírito da Foliada de Cervo.