A Foliada A Chocolateira enche A Pontenova de música tradicional e actividades culturais

A Praza dos Fornos da Pontenova convértese esta fin de semana no epicentro da música tradicional coa celebración da novena edición da Foliada A Chocolateira, un evento organizado pola Asociación Musical A Chocolateira en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello da Pontenova.
O deputado de Mocidade achegouse ata a localidade para participar nunha visita institucional na que puxo en valor o traballo da organización, que ultima os preparativos dun encontro que converterá a vila nun punto de referencia da cultura e da música popular durante toda a fin de semana.
A programación prevista inclúe unha ampla variedade de actividades distribuídas ao longo do sábado. Sobre o escenario e en distintos espazos da praza actuarán formacións como A Chocolateira, Foliada de Bosente e Comando Curuxás, ofrecendo un percorrido polas distintas expresións da música tradicional.
Xunto aos concertos, o público poderá participar en xogos populares da man de Xotramu e Troitas Bravas, nun obradoiro de baile impartido por Marina Rancaño, nun espectáculo de circo e clown a cargo de MeRE-CIDAMENTE e nun taller de creación de chapas. Ademais, durante toda a xornada instalaranse postos de venda de artesanía local, poñendo en valor o traballo dos produtores da zona.
O deputado Daniel García destacou o papel da Foliada A Chocolateira como exemplo da importancia do tecido asociativo na conservación e difusión da música tradicional. Así mesmo, subliñou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a este tipo de iniciativas, que contribúen a visibilizar a riqueza cultural do territorio e a súa conexión co Occidente asturiano.
A programación continuará o domingo coa proxección do documental A cantinera (Os Alonso de Miudes), dirixido por Abel Pérez Méndez, que afonda na historia da música tradicional no Occidente asturiano a través da traxectoria da familia Alonso, considerada clave na transmisión deste patrimonio cultural.