A folga xeral remata con manifestacións multitudinarias nas principais cidades galegas

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Partiron ás 18.00 horas e estiveron convocadas conxuntamente polo Comité de Folga Territorial, a CIG, CCOO, UGT e a Plataforma Galega Vivenda Xa!
manifestacion-da-tarde-11-novembro-santiago
12 Nov 2026

As rúas das principais cidades galegas acolleron este mércores, a partir das 18.00 horas, manifestacións convocadas con motivo da xornada de folga xeral do 11 de novembro e como complemento das concentracións que tiveron lugar pola mañá.

As mobilizacións vespertinas desenvolvéronse en Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo, onde milleiros de persoas saíron á rúa para expresar as súas reivindicacións laborais e sociais.

En Santiago de Compostela, miles de persoas participaron na marcha que percorreu o centro da cidade para reclamar o acceso a unha vivenda digna. Un dos elementos máis destacados da protesta foi o son das chaves que os asistentes fixeron soar durante o percorrido como símbolo da súa reivindicación.

A manifestación partiu ás 18.00 horas da praza do Obradoiro, onde continúa a acampada polo dereito á vivenda, e estivo convocada polo Comité de Folga Territorial, a CIG, CCOO, UGT e a Plataforma Galega Vivenda Xa!. Á fronte da marcha situouse unha pancarta co lema 11N contra o rendismo e o capital, folga xeral.

Entre as consignas máis repetidas estiveron as chamadas á folga xeral e as referencias ás dificultades para acceder a unha casa. Os participantes percorreron distintas rúas do Ensanche compostelán ata chegar á avenida de Romero Donallo, onde se deu lectura a un manifesto.

No texto denunciouse a situación provocada polos propietarios rendistas, os fondos de investimento e os empresarios que, segundo os convocantes, obteñen beneficios a costa dos salarios da clase traballadora e do acceso á vivenda. Os organizadores defenderon a necesidade de garantir barrios e cidades para os seus habitantes, así como unhas condicións laborais que permitan desenvolver un proxecto de vida digno.

As reivindicacións incluíron a regulación dos prezos dos alugueiros, a subida do salario mínimo interprofesional, a implantación de contratos indefinidos que acheguen estabilidade e a protección permanente das vivendas protexidas. Tamén reclamaron a expropiación de inmobles en mans de entidades financeiras, grandes propietarios, fondos de investimento e da Igrexa, ademais da paralización dos desafiuzamentos.

Os convocantes insistiron en que a vivenda constitúe unha necesidade básica e advertiron de que as dificultades para acceder a ela ou mantela se converteron nunha preocupación constante para unha parte importante da poboación. Por iso, fixeron un chamamento á organización veciñal e sindical para manter a mobilización máis alá desta xornada.

A marchas transcorreron sen incidentes de relevancia e remataron arredor das 20.30 horas. Tras finalizar a convocatoria, os participantes continuaron coreando consignas durante o regreso aos seus domicilios.

 

0.16405296325684