A Fiscalía leva aos xulgados a denuncia pola canteira da Trindidade entre Mondoñedo e Lourenzá

AMariñaXa
ADEGA e Mariña Patrimonio alertan de posibles irregularidades ambientais, patrimoniais e administrativas na explotación mineira
ADEGA-canteira-da-Trindidade-entre-Mondonedo-e-Lourenza
14 Jan 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), coa colaboración de Mariña Patrimonio, vén de lograr que a Fiscalía Provincial de Lugo traslade ao ámbito xudicial a denuncia presentada pola actividade da canteira da Trindidade, situada entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá. Tras a apertura de dilixencias, o Ministerio Fiscal acordou interpoñer a correspondente denuncia ou querela, ao apreciar indicios suficientes de posible delito que requiren investigación xudicial.

Esta decisión supón, segundo destacan as entidades denunciantes, un paso relevante para que os feitos sexan analizados con maiores garantías, baixo control dun xulgado, e para que se poidan esclarecer tanto os posibles incumprimentos da empresa explotadora como a actuación das administracións con competencias na materia.

Un dos aspectos centrais da denuncia fai referencia á superficie real ocupada pola explotación. Segundo a documentación achegada, a Declaración de Efectos Ambientais de 1997 avaliou a actividade para unha extensión aproximada de 12.100 metros cadrados. Con todo, medicións e informes administrativos posteriores apuntan a que a área afectada pola canteira podería superar na actualidade os 120.000 metros cadrados, multiplicando por dez a superficie inicialmente autorizada.

Xunto a esta cuestión, ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan que se investiguen outros feitos relacionados coa explotación e coa súa contorna, como posibles movementos de terra fóra do perímetro permitido, afeccións a bens patrimoniais e ámbitos protexidos —incluíndo elementos catalogados e as súas áreas de protección—, así como unha eventual ocupación ou impacto sobre vías públicas próximas á canteira.

A denuncia tamén pon o foco nas inspeccións realizadas pola administración mineira. Segundo a información recompilada, algunhas destas actuacións foron levadas a cabo por Juan Carlos Morán del Pozo, enxeñeiro técnico de minas e funcionario da Xunta de Galicia. Nese mesmo período, Morán del Pozo exercía como decano-presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, mentres que o director técnico da canteira da Trindidade, Atanasio Peña Álvarez, figuraba como vicepresidente da mesma entidade colexial.

Ao xuízo de ADEGA e Mariña Patrimonio, esta coincidencia de cargos pode comprometer a percepción de imparcialidade no control exercido sobre a actividade extractiva, máis aínda tendo en conta que, segundo a documentación revisada, as inspeccións realizadas non deron lugar á imposición de sancións nin á adopción de medidas efectivas para restaurar a legalidade.

Por último, ADEGA reiterou a súa disposición a colaborar coa xustiza, poñendo á disposición do procedemento toda a documentación e información que resulte necesaria para o esclarecemento dos feitos.

⚙ Configurar cookies
0.099486112594604