A Festa Normanda de Foz regresa con catro días de recreacións, música e espectáculos

Foz volverá viaxar ao seu pasado do 27 ao 30 de agosto coa celebración da XIV Festa Normanda, que encherá diferentes espazos da vila de recreacións históricas, música, xogos e propostas para todas as idades. O programa estenderase durante catro xornadas e terá entre os seus momentos máis destacados a representación do Ataque Normando e o tradicional funeral nocturno.
A festa arrancará o xoves 27 ás 20.30 horas coa apertura do mercado, o pregón a cargo de Mercedes González e a entrega do Focego Maior na Praza Conde de Fontao. Ás 21.00 horas celebrarase o Festival O Feitizo, presentado por Francisco Xavier Fanego Bermúdez, Fanego, e coa participación de O Feitizo, Mermicolion e Cova do Can.
O venres continuará a actividade co mercado e as demostracións de historia viva, nas que se amosarán costumes e oficios da época. A animación completarase con pasarrúas de Upsala e un percorrido viquingo. Ás 20.30 horas representarase a obra "Ainda non un Obispo Santo" e, a partir das 22.30 horas, Louband percorrerá o traxecto desde a Praza Conde de Fontao ata o recinto normando. A noite rematará coa música de Cosme Deejay e DJs da casa.
O sábado 29 concentrará boa parte dos grandes actos. O mercado abrirá ás 11.00 horas e durante a mañá e a tarde continuarán as demostracións de vida cotiá e oficios. Upsala, Axeigo e Mermicolion protagonizarán a animación musical, mentres que ás 13.00 horas haberá sesión vermú con Mekanika Rolling Band e un xogo normando de levantamento de paca.
Un dos momentos centrais chegará ás 17.30 horas coa gran representación do Ataque Normando. A tarde continuará con xogos, pasarrúas e unha ludoteca para nenos e nenas de 3 a 12 anos, que funcionará entre as 17.30 e as 20.30 horas cun prezo de 2 euros.
A música de Tambukada soará entre as 21.00 e as 23.00 horas na Praza Conde de Fontao. Ás 23.45 horas comezará a preparación do ritual do Funeral Normando e, xa á medianoite, terá lugar o funeral acompañado dun espectáculo de Trip Malabar con lume e pirotecnia e da actuación de Upsala. A festa seguirá despois no recinto normando con música.
A XIV Festa Normanda despedirase o domingo 30. O mercado abrirá ás 11.00 horas e ata as 13.00 continuarán as demostracións de historia viva. A programación concluirá a partir das 16.30 horas co desembarco infantil na praia de Tupide e, posteriormente, cunha Festa da Escuma no recinto normando.