A Festa dos Choferes de Alfoz celebra seis décadas

Alfoz prepárase para vivir unha edición moi especial da Festa dos Choferes, que este ano celebra o seu 60 aniversario cun amplo programa de actividades pensado para todas as idades. A programación desenvolverase entre o 30 de xullo e o 2 de agosto e combinará música en directo, tradición, convivencia e os actos máis representativos dunha celebración xa consolidada como unha das referencias festivas do verán na Mariña.
As celebracións comezarán o xoves 30 de xullo coa cita dos Prechoferes. A partir das 20.30 horas, a música será a protagonista coas sesións de Breobeats, Edu Veiga e Somiux, que darán o pistoletazo de saída a catro intensas xornadas festivas.
A verbena regresará o venres 31 de xullo desde as 23.00 horas coa actuación de Eventec e da orquestra París de Noia, unha das formacións máis recoñecidas do panorama musical galego.
O sábado 1 de agosto estará marcado pola combinación de actos relixiosos e propostas de lecer. A xornada arrancará ás 13.00 horas coa misa solemne, á que seguirá a sesión vermú amenizada pola orquestra Alianza. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase a competición de xogos tradicionais entre casetos, antes dunha nova verbena nocturna, prevista para as 23.00 horas, coa propia orquestra Alianza e o Grupo Bomba.
A programación concluirá o domingo 2 de agosto cun dos momentos máis emblemáticos da festa. Ás 12.00 horas terá lugar a tradicional procesión de vehículos polas parroquias do concello e, unha hora despois, celebrarase a misa solemne e a bendición dos vehículos, acompañada da entrega de premios aos mellores de cada categoría. A continuación, a sesión vermú e a festa-verbena correrán a cargo do Grupo La Tremenda, encargado de poñer o broche final a un aniversario que promete reunir a centos de asistentes.