A Festa do Ramo pecha a tempada festiva de Xove celebrando vinte anos no Alto do Cruceiro

AMariñaXa
A cita porá o broche ás festas do municipio cun programa de tres días que reunirá a Festa dos Callos, verbenas, tradición e sesións vermú
presentacion-festa-do-ramo-xove-2026
25 Sep 2026

A Festa do Ramo do Alto do Cruceiro, na parroquia de Xuances, será a encargada de poñer o punto final á tempada festiva no municipio de Xove. A celebración desenvolverase do 2 ao 4 de outubro e chegará este ano cunha efeméride especial: cúmprense vinte anos tanto da propia festa como da Asociación Cultural e de Festexos O Alto do Cruceiro, responsable da súa organización.

Tras as últimas celebracións do calendario local, entre elas as de Portocelo a comezos de setembro, Xove despedirá a tempada cunha cita que combinará gastronomía, música, tradición e convivencia ao longo de tres xornadas.

O programa arrancará o venres 2 de outubro ás 20.00 horas cun dos momentos máis populares da celebración, a XXIII Festa dos Callos. As persoas asistentes poderán degustar unha ración de callos, acompañada de pan e viño, por un prezo de 10 euros. A continuación, a música tomará o relevo cunha verbena amenizada pola orquestra Los Satélites e a Discomóbil Conxuro.

A festa continuará o sábado 3 cos actos máis tradicionais. Ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne e posterior procesión e, a partir das 14.00 horas, será a quenda da sesión vermú coa orquestra Escaparate. A formación regresará pola noite para protagonizar a verbena xunto coa Discomóbil Conxuro.

O último día da celebración será o domingo 4 de outubro, cando o Alto do Cruceiro despedirá esta edición cunha sesión vermú prolongada a partir das 13.00 horas, que contará coa actuación de Verónica Cambón.

A celebración dos vinte anos supón tamén un recoñecemento ao traballo desenvolvido pola Asociación Cultural e de Festexos O Alto do Cruceiro durante estas dúas décadas. Desde a entidade agradeceron o respaldo da veciñanza, dos establecementos comerciais e das diferentes persoas e entidades que colaboran cada ano para manter viva a cita, así como o apoio do Concello de Xove.

A organización e o Concello animan tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a achegarse a Xuances para compartir esta edición especial dunha festa que chega ás súas dúas décadas mantendo a súa esencia e que volverá converter o Alto do Cruceiro nun punto de encontro durante toda a fin de semana.

 

PROGRAMACIÓN

 

 

0.17085194587708