A Festa da Xuventude volverá encher de música os Xardíns Noriega Varela na madrugada do 8 de agosto

AMariñaXa
A Discomóbil Hermo protagonizará unha nova edición da cita, na que a SD Viveiro destinará a recadación da cantina ao inicio da súa tempada deportiva
festa-xuventude-viveiro-2026
1 Aug 2026

O Concello de Viveiro volverá apostar este verán pola Festa da Xuventude, unha das citas máis destacadas da programación estival dirixida ao público mozo. A celebración terá lugar na madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, a partir das 00.15 horas, nos Xardíns Noriega Varela, onde a música correrá a cargo da coñecida Discomóbil Hermo.

A actividade está organizada pola área de Xuventude do Concello de Viveiro coa colaboración da Xunta de Galicia e ten como finalidade ofrecer unha alternativa de lecer durante as noites de verán, favorecendo a participación da mocidade e convertendo o evento nun punto de encontro para veciñanza e visitantes.

Como novidade nesta edición, a Sociedade Deportiva Viveiro colaborará activamente na organización da festa encargándose da xestión da cantina. Os fondos obtidos destinaranse integramente a contribuír ao inicio da nova campaña deportiva da entidade, reforzando así a colaboración entre a administración local e o tecido asociativo do municipio.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou que esta celebración se consolidou co paso dos anos como unha das actividades máis agardadas do verán viveirense, ao tempo que permite combinar ocio, convivencia e apoio ás asociacións locais. A rexedora agradeceu a implicación da nova directiva da SD Viveiro, sinalando que a súa participación servirá para impulsar o comezo da próxima tempada deportiva e fortalecer o asociacionismo da vila.

Gueimunde tamén incidiu na vontade do Concello de continuar promovendo propostas de lecer pensadas para a mocidade que, ademais de ofrecer actividades de calidade, xeren un impacto positivo na vida social e deportiva do municipio.

Desde o Concello fan un chamamento á cidadanía, e especialmente aos máis novos, para participar nesta cita e desfrutar dunha noite de música e convivencia nun ambiente festivo e responsable.

PROGRAMACIÓN

0.1223349571228