A Festa da Faba de Lourenzá reúne veciñanza e visitantes na súa XXXIV edición

AMariñaXa
O pregón, a cargo de José Cuadrado, abriu unha xornada con catas, showcookings, actividades e un percorrido pola Ruta das Fabas
Pregón-da-Festa-da-Faba-de-Lourenzá-2026
3 Oct 2026

A XXXIV Festa da Faba de Lourenzá celebrou este sábado unha nova edición cunha ampla participación de veciñanza e visitantes, que se achegaron á localidade para gozar dunha xornada dedicada a un produto estreitamente ligado á identidade de Lourenzá e de toda A Mariña.

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou nos actos xunto á alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto. As tres representantes asistiron ao pregón dunha celebración considerada unha das citas gastronómicas máis representativas da provincia.

O encargado de pronunciar o pregón desta edición foi José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. Ao longo da xornada, a localidade encheuse de actividade arredor da coñecida leguminosa, con diferentes propostas destinadas tanto á veciñanza como ás persoas que se desprazaron ata Lourenzá.

A programación incluíu catas de viño, showcookings e un tren turístico que permitiu percorrer a Ruta das Fabas. A estas propostas sumáronse as diferentes actividades e os postos instalados na Praza do Conde Santo, un dos puntos de encontro da celebración.

Durante a súa visita, Carmela López percorreu as casetas das fabeiras e dos fabeiros participantes na festa e interesouse polo traballo que hai detrás dun produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida e que constitúe un dos referentes da gastronomía da provincia de Lugo.

A presidenta da Deputación destacou o papel da Festa da Faba como escaparate para dar visibilidade á riqueza agroalimentaria da provincia e como espazo de encontro entre produtores, veciñanza e visitantes.

"Desde a Deputación queremos estar ao lado dos produtores e dos concellos, apoiando celebracións como esta que poñen no mapa os nosos produtos, xeran actividade e axudan a dinamizar o territorio", salientou Carmela López.

A institución provincial contribúe con 14.000 euros, a través do Plan Deputación, á celebración desta edición. Con esta achega, a Deputación reforza o seu apoio a unha festa que combina a promoción gastronómica coa tradición, a cultura e a dinamización turística de Lourenzá.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

0.14939904212952