A Feira do Libro de Viveiro reúne preto de medio cento de actividades ata o domingo

AMariñaXa
Os xardíns de Noriega Varela acollen presentacións, sinaturas, teatro, maxia, humor e propostas infantís nunha cita que abriu co pregón de Emilio Xosé Ínsua e Carla Casabella Ínsua
Viveiro-Feira-do-libro-2026
13 Aug 2026

A Feira do Libro de Viveiro abriu este xoves as súas portas nos xardíns de Noriega Varela cun programa que reúne preto de medio cento de propostas culturais e literarias. A cita prolongarase ata o domingo 16 de agosto e ofrecerá ao público actividades para diferentes idades, ademais da oportunidade de achegarse ás novidades editoriais e ao traballo das librarías participantes.

Baixo o lema A porta a universos infinitos, a programación combina presentacións de libros, encontros e conversas con autores, sinaturas de exemplares e iniciativas relacionadas co humor, a maxia e o teatro. Os espectáculos destinados ao público infantil completan unha oferta coa que se pretende converter a feira nun punto de encontro arredor da lectura durante catro xornadas.

A apertura oficial contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares. O representante autonómico destacou a capacidade deste tipo de encontros para promover os hábitos lectores e, ao mesmo tempo, contribuír á actividade económica e cultural do sector editorial e libreiro galego.

Villares incidiu tamén no papel que desempeñan as librarías na organización e dinamización das feiras, especialmente á hora de favorecer o contacto directo entre escritores e lectores e de promover propostas que impliquen activamente ao público. Neste sentido, lembrou que os establecementos tradicionais continúan sendo o principal lugar de compra de libros en Galicia. Segundo os datos do informe sobre hábitos lectores e compra de libros correspondente a 2025, un 69,1 % da poboación galega adquire os seus exemplares nestes espazos.

A programación de Viveiro comezou coa lectura do pregón a cargo do catedrático de Lingua e Literatura Emilio Xosé Ínsua, acompañado pola pregoeira infantil Carla Casabella Ínsua, dando así inicio a varios días nos que a literatura compartirá protagonismo con outras disciplinas culturais.

A feira viveirense é a undécima parada do circuíto promovido pola Xunta en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia. O calendario deste verán percorre un total de 13 municipios e suma máis de 80 días de actividade cultural, levando os libros e os encontros con creadores a diferentes vilas e cidades galegas.

A iniciativa forma parte tamén da campaña estival Para gustos, cultura, que reúne máis de 3.600 actividades culturais en 200 municipios de Galicia ao longo destes meses.

As casetas e actividades da Feira do Libro de Viveiro permanecerán nos xardíns de Noriega Varela ata este domingo. O recinto poderá visitarse en horario de mañá, entre as 12.00 e as 14.00 horas, e pola tarde, desde as 18.00 ata as 22.00 horas.

0.12931418418884