A Feira do Libro de Foz reúne nove librarías e editoriais na Praza Conde Fontao

Foz
AMariñaXa
A cita prolongarase ata o 23 de agosto cunha programación que combina venda de libros, presentacións, sinaturas e actividades de animación á lectura
feira-do-libro-ourense-2
21 Aug 2026

A Feira do Libro de Foz xa está en marcha na Praza Conde Fontao, que ata o 23 de agosto se converterá nun punto de encontro para lectores, escritores e profesionais do sector. Nove librarías e editoriais participan nesta edición, sacando os seus títulos á rúa durante catro xornadas acompañadas dunha ampla programación cultural.

As casetas permanecerán abertas cada día entre as 17.30 e as 22.00 horas. Ademais de percorrer os postos e descubrir diferentes propostas editoriais, o público poderá asistir a presentacións de obras, encontros e sinaturas de autores, así como a distintas actividades destinadas a fomentar o hábito lector.

A apertura oficial contou co pregón da escritora Abril Camino, gañadora do Premio Xerais de Novela 2025 coa obra 'Mulleres que viven xuntas'. A música tamén estivo presente no inicio da feira coa actuación do Cuarteto Xijie.

No acto inaugural participou o deputado provincial Daniel García, quen incidiu na importancia das librarías como axentes dinamizadores da actividade cultural das vilas e cidades. Neste sentido, puxo como exemplo a traxectoria da libraría Bahía de Foz e destacou o papel destes establecementos na difusión da literatura e no achegamento dos libros á cidadanía.

García reafirmou tamén a colaboración da Deputación de Lugo coa Federación de Librarías para facer posible a celebración das diferentes feiras do libro que se desenvolven na provincia.

A institución provincial dispón, ademais, dun espazo propio no recinto a través da caseta do Servizo de Publicacións, onde se poden coñecer algúns dos títulos máis recentes da súa editora. Entre eles figuran 'Mulleres de Salitre', de Paco Rivas, e 'Enxeñería hidráulica do s. XVIII na cidade de Mondoñedo. A traída histórica da auga', de Xurxo Lorenzo.

Ambos os autores participarán tamén na programación da feira para presentar as súas respectivas publicacións ao público.

Foz afronta así catro tardes dedicadas aos libros e á lectura cunha proposta que combina a actividade comercial das librarías e editoriais cunha axenda cultural pensada para achegar autores e obras aos lectores.

0.11814785003662