A Feira do Cabalo de Lourenzá celebrará a súa sexta edición

AMariñaXa
Cabaleiros de Lourenzá prepara unha nova xornada dedicada ao sector ecuestre con probas, exhibicións e actividade gandeira
Imaxe dun cabalo
19 Oct 2026

Lourenzá celebrará este domingo, 25 de outubro, a sexta edición da Feira do Cabalo, unha xornada dedicada ao mundo ecuestre que combina tradición, exhibicións e actividades para todos os públicos. O evento, organizado polo Concello coa colaboración da Asociación de Cabaleiros de Lourenzá, busca promover o cabalo de pura raza galega e dar continuidade a unha cita que foi gañando presenza no calendario festivo municipal.

A programación comezará ás 9:00 horas coa compravenda de gando equino. A continuación, realizarase a medición dos cabalos participantes e desenvolveranse diferentes probas e concursos, entre eles as modalidades de andadura serrada e chapeada. A feira contará tamén cun concurso morfofuncional de poldros e coas correspondentes entregas de premios.

A proposta inclúe actividades dirixidas ao público infantil, con paseos gratuítos a cabalo da man de Flor do Toxo. Ademais, haberá un servizo de catering aberto ao público durante a xornada.

O cabalo de pura raza galega, protagonista da feira

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca o papel da Asociación de Cabaleiros de Lourenzá na organización e no crecemento da feira. Segundo sinala, a entidade traballa para promover o mundo do cabalo de pura raza galega e contribuír á conservación e difusión desta raza autóctona.

A colaboración entre a asociación e o Concello permitiu ampliar progresivamente as actividades e consolidar unha celebración que reúne tanto persoas afeccionadas ao sector ecuestre como veciñanza e visitantes.

A organización anima a achegarse a Lourenzá para participar nesta sexta edición, que pretende poñer en valor a tradición cabalar, impulsar o coñecemento da raza galega e recoñecer o traballo das persoas que contribúen a manter viva a feira.

PROGRAMA

feira do cabalo lourenzá
0.16953611373901