A Feira de Gando do San Bartolo volverá converter Penas Agudas nun punto de encontro do mundo rural

Penas Agudas volverá reunir gandeiros, veciñanza e visitantes o vindeiro luns 24 de agosto coa celebración dunha nova edición da Feira de Gando do San Bartolo. O encontro, que mantén viva unha tradición de longa traxectoria na parroquia de Monte, combinará a actividade gandeira cun programa festivo pensado para favorecer a convivencia e reivindicar a importancia do mundo rural.
O recinto feiral abrirá a xornada ás 10.00 horas coa recepción dos animais. Ao longo da mañá desenvolveranse os tradicionais concursos gandeiros, nos que se recoñecerá tanto á persoa que presente o maior número de reses cabalares como á que acuda coa maior cantidade de gando vacún.
Estas probas volverán situar aos profesionais do sector no centro dunha celebración que busca poñer en valor a actividade gandeira e a súa vinculación coa historia e coa identidade desta zona de Xove.
A programación trasladarase tamén á igrexa parroquial de Monte, onde ás 11.00 horas se celebrará unha misa solemne. Unha vez rematado o oficio relixioso, a música tomará o protagonismo cunha sesión vermú que contribuirá a prolongar o ambiente festivo no recinto.
Xa durante a tarde chegará outro dos momentos destacados da Feira do San Bartolo coa celebración do concurso de marcha. Antes de iniciar a competición, os cabalos serán medidos por un xuíz para distribuílos nas dúas categorías establecidas pola organización. Nunha competirán os exemplares cunha alzada inferior aos 1,50 metros e na outra aqueles que superen esta medida.
A animación musical continuará durante a tarde, completando unha xornada na que a actividade gandeira compartirá espazo co lecer e coa convivencia entre participantes e público.
A organización da feira corre a cargo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Costa de Laxamoura, coa colaboración do Concello de Xove. Ambas as entidades animan á veciñanza e ás persoas que se atopen na comarca a achegarse ata Penas Agudas e participar nesta tradicional celebración.
A Feira de Gando do San Bartolo mantense así como unha das citas vinculadas ao rural e á gandería no calendario festivo local. Ademais de servir como escaparate para o sector, o encontro permite conservar unha tradición transmitida ao longo das xeracións e reunir nun mesmo espazo animais, cultura popular e convivencia.