A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo recibirá 24.000 euros da Deputación de Lugo

AMariñaXa
Este acordo, que foi asinado na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, ten por obxectivo primordial a promoción das tradicións mariñeiras e a concienciación social
Federación-Provincial-de-Confrarías-de-Pescadores-de-Lugo
17 Jul 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, José Basilio Otero Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega á entidade 24.000 euros para colaborar co funcionamento interno da Federación e cunha campaña de divulgación sobre a pesca na Mariña.

Este acordo, que foi asinado na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, ten por obxectivo primordial a promoción das tradicións mariñeiras e a concienciación social sobre os diferentes tipos de buques pesqueiros que operan na zona, incluíndo os de pesca artesanal, litoral, altura e gran altura.

A campaña incluirá diversos materiais informativos e divulgativos, como carteis, pezas audiovisuais e folletos, que explicarán as partes principais dos buques e os seus nomes mariñeiros tradicionais. Ademais, seguiranse a realizar as visitas ao porto con institutos da comarca e de toda a provincia, que están a ter unha grande acollida para achegar as novas xeracións o importante labor pesqueiro.

José Tomé Roca destacou que esta achega é unha mostra do forte compromiso da Deputación de Lugo co sector pesqueiro, subliñando “a súa relevancia histórica, cultural e económica para a Mariña, así como o seu impacto cultural, e o volume económico e emprego que xera”.

Así mesmo, o presidente valorou o traballo que leva a cabo a Federación porque “é fundamental para que tanto as embarcacións de altura, de gran altura, litoral e baixura poidan realizar o seu traballo traendo a porto un produto de máxima calidade e identidade na nosa provincia”.

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo engloba ás confrarías de Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro e O Vicedo, as seis que actualmente se atopan na provincia.

0.1656060218811