A Federación de Comercio A Mariña celebrará un Foro de Análise en Foz

Foz
AMariñaXa
O evento abordará as dificultades crecentes para atopar pisos de aluguer, especialmente debido ao incremento das vivendas destinadas ao uso turístico
Cenima-Foz
1 Out 2024

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) celebrará un Foro de Análise o vindeiro 3 de outubro no Cenima de Foz, a partir das 19:00 horas, centrado na problemática do aluguer de vivendas de tempada na comarca mariñá. O evento, titulado "Traballo na Mariña lucense, onde vivo?", abordará as dificultades crecentes para atopar pisos de aluguer, especialmente debido ao incremento das vivendas destinadas ao uso turístico.

Carmen Cruzado, presidenta da FCAM, sinalou a preocupación existente entre diversos colectivos de traballadores, desde o sector hostaleiro ata o educativo ou sanitario, que non atopan vivendas dispoñibles nas vilas nas que traballan. "En lugares como Ribadeo, moitos profesionais vense obrigados a alugar en concellos veciños porque na vila é practicamente imposible", destacou Cruzado.

O Foro tamén tratará o impacto das vivendas turísticas no sector hoteleiro e analizará posibles solucións para mellorar a situación do aluguer na Mariña. O evento contará coa participación de expertos como Néstor Sordo, CEO de Inmoriba; Joaquín López, xerente do Hotel O Cabazo; Fran Cajoto, alcalde de Foz; Paloma Vázquez, xefa da Área de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo; Tania Hermida, axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense; e a propia Carmen Cruzado.

A cita está aberta ao público e promete ser un espazo para debater as medidas necesarias para mellorar o acceso á vivenda e definir o futuro turístico da rexión.

0.18967199325562