A FCAM sortea 500 euros en vales para incentivar as compras da volta ao cole na Mariña

AMariñaXa
As compras realizadas durante setembro nos comercios asociados permitirán participar no sorteo de cinco premios de 100 euros
FCAM-de-compras-pola-marina
1 Sep 2026

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) pon en marcha do 1 ao 30 de setembro unha nova edición da campaña Volta ao Cole, coa que sorteará 500 euros en vales de compra entre as persoas que adquiran produtos nos establecementos asociados da comarca.

A iniciativa pretende incentivar o consumo no comercio de proximidade coincidindo cun dos períodos de maior gasto para as familias. A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explica que "o obxectivo é premiar a fidelidade da clientela no comercio asociado da Mariña". Ademais, a proposta busca complementar as campañas que xa desenvolven algunhas das asociacións integradas na Federación e ofrecer unha iniciativa común a aquelas que non contan cun programa específico de volta ao cole.

Cruzado lembra que setembro implica numerosos desembolsos relacionados co inicio do curso. "Para as familias mariñás toda axuda con vales de compra será moi ben recibida, xa que setembro é un mes de moitos gastos coa adquisición de material escolar, de uniformes, de roupa deportiva, calzado, etc.", sinala.

Para participar será necesario realizar unha compra durante setembro nalgún dos comercios asociados ás Acias e centros comerciais abertos que forman parte da FCAM. Posteriormente, o cliente deberá enviar unha fotografía do tícket ao correo electrónico amarinafederacionlugo@gmail.com, indicando na mensaxe "Volta ao cole na Mariña Lucense" e incorporando un número de teléfono de contacto.

Entre todas as participacións recibidas, o 1 de outubro realizarase o sorteo de cinco vales de 100 euros cada un, que deberán empregarse nos establecementos asociados ao comercio local da comarca.

A presidenta da Federación anima á veciñanza a aproveitar as compras propias do inicio do curso para entrar no sorteo dos 500 euros e, ao mesmo tempo, apoiar os negocios da Mariña.

A campaña foi presentada por Carmen Cruzado xunto ao presidente da Asociación de Comerciantes da Pontenova (ACDP), José Luis Balseiro.

0.16383004188538