A falta de pediatra en Xove leva a Plataforma Sanitaria da Mariña a convocar unha protesta

A Plataforma Sanitaria da Mariña chama a mobilizarse o vindeiro martes, 27 de outubro, diante do centro de saúde de Xove para reclamar unha solución á ausencia continuada de pediatra. A concentración está prevista para as 11:00 horas, ante unha situación que, segundo denuncia o colectivo, se prolonga desde hai case un mes sen unha data definida para recuperar o servizo.
A falta desta profesional está a impedir a atención pediátrica ordinaria e o seguimento dos problemas de saúde das crianzas. Ademais, están a quedar adiados sen unha data concreta os controis e as revisións do desenvolvemento infantil. A situación afecta tamén ao centro de saúde de San Cibrao, que comparte a profesional con Xove.
Como alternativa, a Xerencia propón derivar os casos urxentes ao centro de saúde de Burela, que, segundo a plataforma, xa conta coa metade dos pediatras previstos, ou ao Punto de Atención Continuada (PAC) da mesma localidade.
A coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, critica a resposta da Xerencia e da Consellería de Sanidade. "Estamos diante dunha mostra máis do abandono programado ao que o goberno da Xunta somete á comarca da Mariña", afirma.
Porteiro considera inaceptable que as familias de Xove e San Cibrao leven case un mes sen pediatra mentres o conselleiro de Sanidade asegura que están cubertas todas as prazas desta especialidade agás a segunda de Viveiro. Ao seu xuízo, estas declaracións "xa transcenden a mala xestión e constitúen unha burla ás mariñás e mariñaos".
A Plataforma Sanitaria da Mariña pide á cidadanía que participe na concentración con independencia de ter ou non fillos. O colectivo sostén que a falta de atención pediátrica vulnera os dereitos das crianzas e enmárcase nun problema máis amplo de perda de servizos e deterioración da asistencia sanitaria na comarca.
Por iso, anima a toda a poboación a implicarse na mobilización para reclamar medidas que garantan unha atención sanitaria adecuada para todas as idades.