A FAGA reunirá en decembro proxectos innovadores do sector agroalimentario nun programa de aceleración

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A FAGA Agrobootcamp Lugo 2026 celebrarase os días 15 e 16 de decembro co apoio da Deputación, para axudar a emprendedores e empresas a validar ideas, mellorar os seus modelos de negocio e impulsar novas iniciativas
mercado-comida-alimentacion-alimentos
28 Nov 2026

A Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), entidade impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), organizará os días 15 e 16 de decembro o FAGA Agrobootcamp Lugo 2026, un programa de aceleración intensiva destinado a impulsar proxectos innovadores do sector agroalimentario da provincia. A iniciativa conta co apoio da Deputación de Lugo.

A proposta desenvolverase durante dúas xornadas presenciais de traballo nas que participarán persoas emprendedoras, empresas, produtores, gandeiros, técnicos, investigadores e estudantes. O obxectivo é crear equipos de traballo con perfís complementarios e acompañar os proxectos mediante metodoloxías prácticas e o asesoramento de mentores especializados.

O programa permitirá aos participantes validar as súas ideas, perfeccionar os modelos de negocio e deseñar un plan de actuación para continuar avanzando. Para iso, ofrecerá aceleración práctica desde o inicio, acceso a experiencias reais de empresas e emprendedores do sector, mentorías personalizadas e traballo en equipo. Tamén incluirá unha guía cos seguintes pasos e acompañamento unha vez rematadas as xornadas presenciais.

Con esta iniciativa, FAGA busca apoiar as empresas e os profesionais do sector agroalimentario lucense na adaptación aos novos retos produtivos, tecnolóxicos e comerciais. Entre os obxectivos tamén figuran favorecer a creación de emprego estable e cualificado, consolidar os postos de traballo existentes e facilitar a incorporación de novas persoas ao mercado laboral agroalimentario.

A participación poderá realizarse de dúas maneiras. Por unha banda, como proxecto, dirixida a persoas ou equipos con ideas ou iniciativas de negocio agroalimentario innovadoras vinculadas á provincia de Lugo que queiran validalas, consolidalas ou facelas medrar. Por outra, como participante, unha modalidade aberta a estudantes, investigadores, técnicos, empresarios e profesionais interesados en incorporarse aos equipos e achegar o seu talento e experiencia.

0.17141890525818