A fachada marítima de Viveiro será renovada para integrarse co paseo e a vida urbana

AMariñaXa
Portos de Galicia ultima o proxecto de acondicionamento do bordo portuario mentres se impulsan novas actuacións en Celeiro e melloras de accesibilidade peonil no municipio
rua-do-porto-celeiro-Viveiro
20 Apr 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo este luns unha reunión de traballo coa alcaldesa de Viveiro, María Gueimunde, centrada no seguimento e impulso dos distintos proxectos previstos para o ámbito portuario do municipio. No encontro participou tamén o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, que achegou os últimos avances técnicos das actuacións en marcha.

Un dos asuntos principais abordados foi a remodelación da fachada marítima e a reordenación do entorno do peirao vello de Viveiro. Segundo informou a Xunta, o ente público está na fase final de redacción do proxecto técnico, que contempla tamén a mellora do aparcadoiro da zona. A actuación suporá un investimento de 1,8 millóns de euros e permitirá renovar e integrar mellor o bordo portuario co paseo marítimo e coa explanada situada xunto á estación de autobuses.

Desde a Consellería do Mar explicaron que, unha vez rematada a documentación técnica, o proxecto será presentado publicamente nas vindeiras semanas, co obxectivo de dar a coñecer con detalle o alcance das obras previstas.

Durante a reunión tamén se revisaron outras intervencións programadas para os portos de Celeiro e Viveiro. Neste sentido, confirmouse que nos próximos días comezarán os traballos para habilitar un novo acceso peonil entre o porto deportivo e o centro de saúde, unha medida destinada a mellorar a mobilidade e a conexión entre espazos urbanos e portuarios.

Ademais, Portos de Galicia prevé licitar nesta mesma primavera o proxecto de saneamento do porto de Celeiro, que contará cun investimento de 250.000 euros. Esta actuación encádrase na estratexia de modernización das infraestruturas portuarias da zona.

Outro dos aspectos analizados foi o futuro aproveitamento do bordo portuario viveirense. Ambas administracións coincidiron na importancia de seguir avanzando en propostas que permitan integrar o porto na vida urbana, en liña coa idea de “abrir Viveiro ao mar”, unha formulación compartida que busca potenciar a relación entre a cidade e o seu litoral.

0.12199401855469