A exposición dedicada a Carmen Arias ‘Mimina’ amplía a súa estancia en Sargadelos ata o 12 de agosto

AMariñaXa
A elevada afluencia de visitantes leva á Plataforma Isaac, Sargadelos a prolongar a mostra, que poderá visitarse todos os días e tamén mediante visitas concertadas
EXPO-MIMINA-cervo-2026
4 Aug 2026

A exposición dedicada a Carmen Arias, coñecida como Mimina, continuará aberta ao público en Sargadelos ata o vindeiro 12 de agosto tras a boa resposta obtida desde a súa inauguración. A Plataforma Isaac, Sargadelos decidiu prolongar a permanencia da mostra ante a elevada asistencia de visitantes, unha ampliación que foi posible grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo.

A proposta expositiva ofrece un percorrido pola vida e a obra de Mimina, poñendo en valor a súa achega ao proxecto de Sargadelos e o seu papel na consolidación da emblemática iniciativa como referente cultural e artístico de Galicia.

Durante os días de ampliación, a exposición poderá visitarse diariamente en horario de mañá, de 12.00 a 14.00 horas, e pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas, facilitando así o acceso tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a comarca durante a tempada estival.

Ademais, a organización ofrece a posibilidade de concertar visitas fóra do horario habitual ou para grupos, co obxectivo de adaptar a experiencia ás necesidades dos asistentes e favorecer unha maior difusión do legado de Carmen Arias.

Desde a Plataforma Isaac, Sargadelos destacan a excelente acollida da mostra, que permitiu achegar ao público a figura dunha muller considerada esencial na historia de Sargadelos, tanto pola súa traxectoria artística como pola súa implicación no desenvolvemento dun dos proxectos culturais máis representativos de Galicia.

0.12836813926697