A Espiñeira recupera a tradición gandeira e ecuestre cunha nova edición da súa feira en Vilaronte

A parroquia de Vilaronte, no municipio de Foz, converterase o próximo 21 de xuño nun punto de encontro para afeccionados ao mundo ecuestre e gandeiro coa celebración dunha nova edición da Feira de Gando da Espiñeira. A xornada, organizada polo Concello de Foz coa colaboración de Flor do Toxo Rutas a Cabalo, volverá reunir cabalos, xinetes e público chegado de diferentes puntos da comarca e doutros lugares da provincia.
A programación arrancará ás dez da mañá coa apertura oficial da feira, mentres que a medición dos cabalos está prevista para as once. Xa pola tarde, ás cinco, celebraranse as carreiras e competicións de andadura, un dos momentos máis esperados da xornada e que cada ano atrae a numerosos participantes.
As probas incluirán categorías de serrada e chapeada, tanto para exemplares de máis de 1,50 metros como para os de menor altura. Os tres primeiros clasificados en cada modalidade recibirán premios económicos e trofeos. Ademais, a organización tamén entregará galardóns especiais ao maior número de cabezas participantes, ao mellor cabalo de tiro, PRA, PRE, anglo árabe, burro e mula.
A feira contará igualmente cun apartado dirixido á mocidade, cunha categoría sub-16 na que todos os participantes obterán trofeo, nun intento de fomentar a afección polo mundo ecuestre entre as novas xeracións.
Entre as actividades complementarias previstas figuran paseos a cabalo da man de Flor do Toxo e unha ximkana pensada para animar a participación do público. A partir das 13.00 horas desenvolverase tamén unha sesión vermú con música e servizo de cantina, creando un ambiente festivo arredor do recinto feiral.
A organización lembra que todo o gando deberá contar coa correspondente documentación sanitaria e seguro obrigatorio, ademais de código REGA e microchip. Tamén será obrigatorio o uso de casco dentro da pista durante as probas.
As inscricións poderán formalizarse entre os días 12 e 18 de xuño a través do código QR habilitado no cartel oficial do evento. Desde a organización agardan unha importante asistencia tanto de profesionais do sector como de público afeccionado, consolidando unha cita que combina tradición, deporte e dinamización social no rural focense.