A Espiñeira celebrará as festas da Virxe do Pilar con tres días de música, gastronomía e tradición

A Espiñeira, no municipio de Foz, celebrará do sábado 10 ao luns 12 de outubro as súas festas na honra á Virxe do Pilar, cun programa que combinará gastronomía, música, verbenas e os tradicionais actos relixiosos. As celebracións desenvolveranse no Campo da Feira, onde a organización disporá dunha carpa.
O ambiente festivo comezará xa o sábado 10, ás 21.00 horas, cunha cea prefesta. O menú estará composto por entremeses, churrasco de porco, chourizo vermello, crioulo, sobremesa, pan, bebida e café, cun prezo de 22 euros. Para os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos ofrecerase un menú infantil por 15 euros, mentres que os menores de 6 anos poderán asistir de balde.
A cea terá aforo limitado e as reservas poderán formalizarse ata o 3 de outubro. A noite completarase con sorteos e coa música de DJ HD Brothers, encargado de amenizar esta primeira xornada.
O domingo 11 a programación continuará ás 13.00 horas coa misa solemne. Ao remate do oficio relixioso dará comezo a sesión vermú coa orquestra Pontevedra. A mesma formación regresará pola noite, xa que a partir das 22.30 horas protagonizará a gran verbena xunto coa Charleston Big Band.
As festas chegarán á súa xornada central o luns 12 de outubro, festividade da Virxe do Pilar. Ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne, seguida da tradicional procesión acompañada de gaitas. A continuación, o Grupo da Silva será o encargado de poñer música á gran sesión vermú coa que se completará o programa festivo.
As celebracións están organizadas pola Asociación Cultural Virxe do Pilar da Espiñeira e contan coa colaboración do Concello de Foz.