A Escola Municipal de Música de Burela mergúllase no jazz cun curso aberto á cidadanía

AMariñaXa
O programa formativo, gratuíto e centrado na improvisación, culminará este venres cun concerto na praza do Concello para compartir o aprendido durante a semana
Escola-Música-Burela-2024
2 Jul 2026

A Escola Municipal de Música de Burela acolle ao longo desta semana un curso de iniciación ao jazz dirixido a todas aquelas persoas interesadas en descubrir ou ampliar os seus coñecementos sobre este estilo musical. A actividade, de carácter gratuíto e aberta á participación da cidadanía, continuará desenvolvéndose ata este venres, 3 de xullo, en horario de tarde.

A proposta combina contidos teóricos e prácticos, facendo especial fincapé na improvisación, na interpretación e no traballo colectivo, co obxectivo de achegar o jazz aos participantes dun xeito dinámico e participativo. Durante as sesións, os asistentes teñen a oportunidade de adquirir novas ferramentas musicais ao tempo que comparten experiencias con outras persoas afeccionadas a este xénero.

Como peche da iniciativa, o alumnado ofrecerá un concerto aberto ao público este venres, ás 20:30 horas, na praza do Concello de Burela. A actuación servirá para amosar o traballo realizado ao longo da semana e converterase tamén nunha nova proposta cultural para desfrutar da música en directo.

O tenente de alcaldesa e responsable da Escola Municipal de Música, Mario Pillado, subliñou a importancia de impulsar actividades que acheguen a música á veciñanza e favorezan a participación cidadá. Segundo indicou, este curso representa unha oportunidade para que persoas interesadas no jazz poidan iniciarse neste estilo nun ambiente baseado na aprendizaxe, na colaboración e no intercambio de coñecementos.

Pillado animou ademais á veciñanza a asistir ao concerto de clausura, sinalando que será unha ocasión para compartir co público o resultado do traballo desenvolvido durante estes días e, ao mesmo tempo, seguir fortalecendo a programación cultural do municipio.

0.12703084945679