A Escola Infantil Municipal de Cervo despide a 19 nenos e nenas que dan o salto ao "cole dos maiores"

AMariñaXa
O Concello de Cervo ten en marcha unha nova edición de Cervo Concilia, na que participan 125 nenos e nenas.
ESCOLA-INFANTIL-MUNICIPAL-cervo-graduacion-2026
1 Sep 2026

A Escola Infantil Municipal de Cervo celebrou este luns o peche do curso cunha xornada especialmente emotiva para 19 nenos e nenas que se despiden desta etapa educativa. Os pequenos celebraron a súa graduación antes de iniciar o vindeiro curso unha nova andaina no "cole dos maiores".

A música foi a encargada de abrir a celebración no salón de actos, onde o alumnado puido gozar dunha actuación de Pakolas especialmente pensada para o público infantil. As familias sumáronse á xornada para acompañar os pequenos nun día que marca o final dos seus primeiros anos na escola.

Tras o espectáculo tivo lugar o acto de clausura, durante o que os nenos e nenas recibiron un medallón e un agasallo. A continuación chegou un dos momentos máis esperados: a graduación dos 19 alumnos e alumnas que o próximo curso continuarán a súa formación no colexio.

Con birrete e orla incluídos, os pequenos recibiron o recoñecemento da comunidade educativa e das súas familias nunha despedida marcada pola emoción. A celebración concluíu cunha merenda que serviu para compartir un último momento de convivencia antes das vacacións e da nova etapa que agarda aos graduados.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira Pilar Armada acompañaron o alumnado e as familias durante a celebración. A rexedora destacou a emoción que supón comprobar a evolución dos pequenos desde a súa chegada á escola.

"É un día de moita emoción, porque vemos medrar aos nosos pequenos e pequenas e comprobamos como aqueles nenos e nenas que chegaron á escola sendo moi pequeniños están agora preparados para dar un paso máis", sinalou García Caramés.

A alcaldesa felicitou especialmente os 19 graduados e desexoulles "toda a felicidade" na etapa que agora comezan, na que, apuntou, lles esperan novas aprendizaxes, amizades e experiencias.

García Caramés tamén agradeceu o traballo desenvolvido durante o curso polo persoal docente e polos profesionais da Escola Infantil Municipal, dos que destacou o seu "compromiso, cariño e dedicación diaria". Do mesmo xeito, recoñeceu a confianza e implicación das familias para favorecer que os pequenos medren nun espazo de afecto, seguridade e aprendizaxe.

Desde o Concello estenderon a felicitación ao conxunto do alumnado e, de maneira especial, aos 19 nenos e nenas que abandonan a escola infantil. "Hoxe dicímoslles ata logo, porque esta sempre será unha parte importante da súa historia. Que medren felices, que sigan aprendendo e, sobre todo, que nunca perdan esas ganas de descubrir o mundo que teñen agora", concluíu a alcaldesa.

0.19392800331116